Noticias

  • Os reitores e representantes de 25 universidades de 9 países europeos e americanos apoian á paisaxe cultural da Ribeira Sacra no percorrido cara á súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, referendando que se trata “dunha representación excepcional da indisoluble unión de patrimonio e natureza, que configura unha paisaxe cultural viva, cuxa beleza reflexa e testemuña o bo facer das civilizacións pasadas e presentes”. O Camiño de Santiago tamén se integra formalmente no texto desta declaración, na que se destaca o seu valor espazo de encontro entre persoas e pobos, recoñecendo así mesmo “o seu potencial transformador e a súa capacidade impulsora da concordia, o diálogo intercultural e o enriquecemento das comunidades locais”.
  • Acábase de crear a Rede de Comercios e Mercados no Camiño, unha iniciativa que permitirá potenciar as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos. Poden sumarse a esta Rede de xeito gratuíto tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Ademais, as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados. Os establecementos que se adhiran á rede recibirán un pack de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local.
  • O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destaca que esta iniciativa, xurdida ao abeiro do Xacobeo 2021, mellorará os servizos que reciben os peregrinos e buscará a fidelización dos clientes, con axudas que poden chegar ata os 2.800 euros por beneficiario.
  • O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o Delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron xunto á Torre de Hércules, ao inicio da rodaxe que promove o Consorcio de Turismo da Coruña dentro do programa O TEU XACOBEO. Julia Baird grava estes días en Ferrol, Bruma e Santiago o vídeo da canción ‘Teu Camiñar’, composta pola artista galega Cristina Rubirosa. Segundo comentou Román Rodríguez, John Lennon proxectou facer o Camiño nos anos 70 con Salvador Dalí, o que finalmente non puido cumprir.
  • Que o Comite se reúna en Galicia ven de acordarse en Bruxelas, onde a candidatura galega competía coa proposta da cidade alemá de Wismar, capital de Mecklemburgo Noroccidental. Tras unha votación xeral cargada de incerteza, os membros do CdR elixiron finalmente a candidatura de Galicia, o que permitirá subliñar o carácter europeísta da nosa comunidade como etapa final do Camiño de Santiago e estreitar os vencellos no eido da Unión Europea, asentados nos valores da solidariedade e a concordia.
  • O programa O teu Xacobeo impulsa este verán travesías náuticas xacobeas para completar desde as rías as etapas terrestres do Camiño de Santiago e para dar a coñecer o traxecto da entrada da barca de pedra do Apóstolo desde a bocana da ría de Arousa. As saídas en veleiros poden realizarse desde Vigo, Portonovo, Baiona, Ribeira e a Pobra do Caramiñal, portos que forman parte da chamada Travesía Náutica Xacobea Sur. Os percorridos que saen desde os portos das rías de Vigo e Pontevedra pretenden complementar as etapas a pé do Camiño de Santiago e están concibidas, ademais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a gastronomía e a historia de Galicia a través da Ruta Xacobea.
  • Camiño Escena Norte xurde por iniciativa das asociacións profesionais de empresas de produción escénica das devanditas comunidades, que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).
  • Galicia acolle este verán máis de cen actividades dentro da programación de O teu Xacobeo, a convocatoria que propiciará a posta en marcha de 352 iniciativas de dinamización en toda Galicia como antesala do próximo Ano Santo. O programa busca favorecer a participación e a descentralización do vindeiro Xacobeo 21. Trátase da primeira vez que o Goberno galego pon en marcha un proxecto co Xacobeo como referente feito coa implicación de toda sociedade galega. Así, dos máis de 350 proxectos aprobados propostos por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro, máis dun centenar espallaranse ata o remate de verán pola xeografía galega.
  • Os froitos da convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo permitirán impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto para o que a Xunta aportará un total de 4,7 millóns de euros, e suporá a mobilización en toda Galicia de preto de nove millóns de euros ao longo deste ano e ata abril do 2020. As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: desde o ámbito artístico, pasando polo do patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade e a gastronomía, ata o ámbito deportivo e o social.
  • A Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, inaugurou no Instituto Cervantes de Nova York a exposición itinerante do fotógrafo Manuel Valcárcel The Way to Santiago, a contemporary experience of pilgrimage coa que a Xunta e Correos están a promover de xeito itinerante en varias cidades estadounidenses tanto o Xacobeo 2021 como os valores e riqueza da experiencia da peregrinación na Ruta Xacobea.