As asociacións de Amigos do Camiño de Cuenca e Brasil recibirán o Premio Elías Valiña na súa XXIV edición

A Xunta de Galicia recoñece o traballo das asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Cuenca e Brasil na XXIV edición do Premio Elías Valiña. Así, tal e como se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, os galardoados deste ano son a Asociación Amigos del Camino de Santiago y de la Santa Cruz de Cuenca e a Asociación de Amigos del Camino de Río Grande do Sul de Brasil.

O galardón impulsado desde a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inclúe tamén unha mención especial ao historiador Paolo Caucci pola súa traxectoria académica, investigadora, organizativa e dinamizadora dos Camiños de Santiago con altura científica e unha valiosa proxección internacional de renovación e mantemento dos valores da peregrinación.

Este recoñecemento, dotado con 15.000€, diríxese a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea. Ademais, segundo se recolle nas bases, para optar o premio as entidades solicitantes deben ter unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento e acreditar o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores do Camiño de Santiago tanto dentro como fóra de Galicia.

Defensa e impulso dos valores do Camiño

Na Asociación Amigos del Camino de Santiago y de la Santa Cruz de Cuenca tívose en conta o seu labor para potenciar e coordinar a revitalización, defensa, conservación, investigación, limpeza, protección e potenciación do patrimonio histórico-cultural dos Camiños de Santiago e os camiños que percorreu Fray Francisco de la Cruz.

No caso da Asociación de Amigos del Camino de Río Grande do Sul de Brasil, o xurado valorou o esforzo revitalizador e promocional dos valores propios dos Camiños de Santiago feito por esta entidade que leva desde o ano 1999, apoiando e informando a peregrinos e desenvolvendo actividades para promover a Ruta Xacobea desde o eido cultural e histórico.
R.