Presentado o novo número da revista de estudos xacobeos 'Ad Limina', centrado no Camiño de Santiago en Cataluña

O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino acolleu a presentación do novo número da revista especializada na cultura xacobea Ad Limina, que chega ao seu decimocuarto número.

Coordinada polo profesor Carles Sánchez Márquez, da Universitat Autònoma de Barcelona e Museu de Terrasa, conta con nove traballos de investigación arredor de Cataluña e o Camiño de Santiago, ademais doutras novas investigacións e recensións de publicacións.

“Trátase da publicación máis prestixiosa do mundo en materia xacobea, publicados en galego, castelán, inglés, francés, italiano ou portugués, e de carácter dixital, aberta e gratuita” destacou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen puxo en valor a publicación editada por Turismo de Galicia e a Sociedade Anónima do Xacobeo como unha referencia científica ineludible, dada a alta calidade dos artigos que desenvolve.

Promovida polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago

Creada no Xacobeo 2010 pola S.A Xacobeo como revista de investigación sobre o Camiño de Santiago e as peregrinacións, o prestixio de Ad Limina conta cunha versión impresa e outra dixital que lle permite unha ampla difusión e o recoñecemento internacional da alta calidade dos traballos que leva publicados ao longo destes 14 números.

Desde a súa creación está vinculada ao Comité de Expertos do Camiño de Santiago, que ten en Paolo Caucci o seu presidente de honra e que tomou parte no acto de presentación desta mañá xunto co responsable da S.A Xacobeo, Ildefonso de la Campaña, o da cultura xacobea, Francisco Singul e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño, Ángel Trabada.
R.