Noticias

  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá o Plan Ribeira Sacra. Plan de xestión da paisaxe cultural 2020-2023, unha ferramenta que tal e como explicou é imprescindible para esta zona e supón un paso relevante no camiño cara á súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. “Como saben, levamos moito tempo traballando nesta candidatura”, dixo, asegurando que xa se declarou á Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural na categoría de paisaxe cultural e xa se conseguiu que a súa candidatura sexa a que presentará España no ano 2021. Momento no que aproveitou tamén para agradecer ás entidades locais o seu compromiso decidido no impulso dunha candidatura que é “capaz de ilusionar a toda Galicia”.
  • A Asociación Española de Ciencia Rexional vén de premiar o traballo de investigación elaborado polo grupo de investigación GAME da Universidade de Santiago (USC) que estuda o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago e que se está a converter nunha eficaz ferramenta para a toma de decisións na xestión galega ao redor da Ruta Xacobea. O traballo, presentado o ano pasado, foi recoñecido co VI Premio Blog a Riqueza das Rexións á mellor entrada de 2019 nesta plataforma da asociación española, pola súa achega á sustentabilidade do Camiño de Santiago. O documento resume parte dos resultados alcanzados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e este grupo de investigación.
  • Foi presentada na capela de San Fiz de Solovio, a mostra itinerante “O FIN DO CAMIÑO”, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. Estiveron presentes no acto Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago, Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, Isaías Calvo, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación vai incluír numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.
  • A Xunta de Galicia ven de facer pública a Axenda do país dos 25 asuntos máis urxentes e prioritarios, a plantear ao futuro Gobeerno desde o modelo de centralidade política que Galicia representa, cunha doble faciana de lealdade e esixencia: Lealdade a todas as institucións do Estado, por riba da sua cor partidaria, e esixencia de todo o que en xustiza precisa a cidadanía galega.
  • O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu no Parlamento acompañado do seu equipo para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2020, un ano decisivo na preparación do Xacobeo 21, obxectivo no que a Xunta investirá 82 millóns de euros. Dáse así un impulso decisivo á planificación do Ano Santo, que se está a levar a cabo con máis antelación que nunca para permitir que se faga sentir en toda Galicia. Román Rodríguez sinalou que Cultura e Turismo disporá dun orzamento de máis de 157 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 9%, converténdose na consellería con maior crecemento porcentual.
  • Os reitores e representantes de 25 universidades de 9 países europeos e americanos apoian á paisaxe cultural da Ribeira Sacra no percorrido cara á súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, referendando que se trata “dunha representación excepcional da indisoluble unión de patrimonio e natureza, que configura unha paisaxe cultural viva, cuxa beleza reflexa e testemuña o bo facer das civilizacións pasadas e presentes”. O Camiño de Santiago tamén se integra formalmente no texto desta declaración, na que se destaca o seu valor espazo de encontro entre persoas e pobos, recoñecendo así mesmo “o seu potencial transformador e a súa capacidade impulsora da concordia, o diálogo intercultural e o enriquecemento das comunidades locais”.
  • Acábase de crear a Rede de Comercios e Mercados no Camiño, unha iniciativa que permitirá potenciar as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos. Poden sumarse a esta Rede de xeito gratuíto tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Ademais, as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados. Os establecementos que se adhiran á rede recibirán un pack de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local.
  • O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destaca que esta iniciativa, xurdida ao abeiro do Xacobeo 2021, mellorará os servizos que reciben os peregrinos e buscará a fidelización dos clientes, con axudas que poden chegar ata os 2.800 euros por beneficiario.
  • O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o Delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron xunto á Torre de Hércules, ao inicio da rodaxe que promove o Consorcio de Turismo da Coruña dentro do programa O TEU XACOBEO. Julia Baird grava estes días en Ferrol, Bruma e Santiago o vídeo da canción ‘Teu Camiñar’, composta pola artista galega Cristina Rubirosa. Segundo comentou Román Rodríguez, John Lennon proxectou facer o Camiño nos anos 70 con Salvador Dalí, o que finalmente non puido cumprir.
  • Que o Comite se reúna en Galicia ven de acordarse en Bruxelas, onde a candidatura galega competía coa proposta da cidade alemá de Wismar, capital de Mecklemburgo Noroccidental. Tras unha votación xeral cargada de incerteza, os membros do CdR elixiron finalmente a candidatura de Galicia, o que permitirá subliñar o carácter europeísta da nosa comunidade como etapa final do Camiño de Santiago e estreitar os vencellos no eido da Unión Europea, asentados nos valores da solidariedade e a concordia.