A Rede de Comercios e Mercados no Camiño, potenciará as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que pasa

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a nova Rede de comercios e mercados no Camiño, xurdida ao abeiro do Xacobeo 2021, potenciará as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que pasan os Camiños de Santiago.

Esta iniciativa de apoio ao pequeno comercio, que entronca co obxectivo estratéxico do Goberno galego, como é o Ano Santo, foi abordada esta mañá polo Consello da Xunta. Na rolda de prensa posterior, Rueda destacou que a Rede busca a dinamización comercial do Camiño, potenciando as vendas e a visibilización dos comercios e mercados na ruta; mellorar os servizos que reciban os peregrinos; e fidelizar aos clientes, fomentando a relación online cando volvan aos seus lugares de orixe.

O vicepresidente da Xunta recordou que Galicia conta cun Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 e coa iniciativa Comercio 360. Así mesmo, detallou que existe unha Estratexia cara ao Xacobeo 2021.

Á Rede, dixo, poderanse sumar os establecementos comerciais e os vendedores de prazas de abastos, e tamén as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados.

Máis polo miúdo, Rueda explicou que o Diario Oficial de Galicia publicará nas vindeiras semanas a orde que regula a Rede e que incluirá tamén axudas que poderán chegar ata 2.800 euros por beneficiario.
R