|
-
Entre as e os artistas que fotografaron os lugares, camiños e as xentes da parte galega desta ruta desde o século XIX ata os nosos días, e que aparecen compilados nesta nova exposición, cóntanse José Suárez, Otto Wunderlich, Carmenchu Alemán, José Moreira, Joaquín Pintos, Jaime Pacheco ou Vari Caramés, entre outros moitos. Por outra banda, nos vieiros do percorrido en Portugal, os rostros e vilas que o poboan foron retratadas por Artur Pastor, Emilio Biel, Alberto Marçal Brandão, Octávio Lixá Filgueiras, Nicolás Muller, Juan Rodríguez, Juan Manuel Castro Prieto, Guedes, José Gouveia Gomes Junior, Aurelio Paz dos Reis ou Helga Schmidt-Glassner.
-
O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea desde a Historia e a novela histórica que contará coa participación de escritores referentes do xénero e autores de best sellers relacionados coa temática xacobea baixo a dirección de Isabel San Sebastián. Organizada pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o luns 27 de setembro ás 19,00 horas a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino.
-
A Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra 'Imago Sancti Iacobi: a iconografía xacobea na Biblioteca de Galicia', unha exposición de percorre os deseños, iconas e ilustracións coas que foron representados o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a cidade de Compostela ao longo dos séculos. Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estendeu o coñecemento do Camiño de Santiago e Compostela. A exposición ilustra as primeiras representacións da cidade, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo.
-
O escenario do Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 ten unha cita este venres ás 22,30 horas coa artista Mounqup. Francesa de nacemento pero galega de adopción, Camille Hèdoin, o seu auténtico nome, caracterízase polos ritmos de música jazz, electrónica e folk. Conta con dous discos ás súas costas e está traballando nun terceiro que verá a luz en breve. Ademais, foi a impulsora da recuperación da aldea de Saumede (Ourense) como punto de convivencia cultural onde cada verán xestiona un festival multidisciplinar.
-
Vén de resolverse a XXII edición do Premio Elías Valiña, o galardón co que distingue o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Como se publica no Diario Oficial de Galicia, este ano recae de xeito conxunto nas Asociacións de Amigos del Camino de Santiago en Ávila e na de Hungría. Ademais, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo ao médico e antropólogo compostelán José Carro Otero, falecido recentemente, cunha mención especial pola súa contribución á divulgación e investigación da Ruta Xacobea.
-
O líder de La Vuelta 21 recibirá unha Cunchiña ao final de cada etapa; é dicir, un boneco de peluche que representa á mascota virtual do Xacobeo 21-22. Deste xeito, o portador do maillot vermello colaborará na difusión do dobre Ano Santo no percorrido da competición desde este sábado 21 de agosto ata a chegada á meta na praza do Obradoiro o 5 de setembro. A mascota virtual do Xacobeo foi ideada inicialmente para o seu uso nas redes sociais, onde acadou unha grande difusión cos seus 32 stikers e con case un centenar de gifs para o seu uso a través de WhatsAp, Facebook, Instagram e Telegram.
-
O programa inclúe máis de 30 concertos por toda a xeografía galega, outras actuacións enmarcadas en ata catro xiras (algunhas mesmo fóra da Comunidade) e a gravación de catro proxectos musicais. Así mesmo, están previstas unha decena de accións como encargas a compositores, proxectos dirixidos a promover a música clásica entre os máis novos ou a fomentar dentro destas entidades o uso de plataformas dixitais para a difusión das súas creacións. O obxectivo desta programación é reforzar a presenza da música clásica na celebración do Xacobeo, achegándoa ao gran público.
-
A xuntanza do Real Padroado da cidade de Santiago de Compostela, presidida polo rei Felipe VI, serviu para presentar a Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 'Camiño de Compostela 2032', no que se recolle un investimento global de 281,56 millóns de euros para o período 2021-2032. Trátase da primeira xuntanza que se celebra nos últimos 18 anos e que busca desenvolver un modelo transformador para a cidade.
-
A cuarta edición do Congreso Internacional da Cátedra institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC foi o foro no que se deron a coñecer os 21 microproxectos de investigación, divulgación e pedagóxicos concedidos pola propia cátedra a través dunha convocatoria pública co apoio da USC, a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia e a Catedral de Santiago. Coa participación de preto dun cento de participantes de xeito presencial e en liña, o Congreso pretendía poñer en valor a actividade científica, divulgadora e didáctica de investigadores, entidades e universidades involucradas no estudo do Camiño e as Peregrinacións.
-
Se ben a pandemia reduciu drasticamente o número de persoas que realizaron o Camiño de Santiago o pasado ano, segundo un estudo do impacto da COVID-19 no perfil do peregrino, a satisfacción coa experiencia de realizar o Camiño segue sendo moi alta: o 95% dos peregrinos enquisados durante o período de verán do pasado ano recomendarían facer o Camiño. Tamén valoran positivamente a información dispoñible e a percepción da seguridade sanitaria, eidos nos que maioritariamente perciben unha alta seguridade sanitaria. Concretamente un 70% das persoas consideran que, en conxunto, a sensación de seguridade ao longo do camiño foi alta ou moi alta.
|
|