Noticias

  • A Xunta coordinará co Ministerio de Cultura e Deporte a próxima celebración, en Santiago de Compostela, dunha xuntanza do Consejo Jacobeo na que se invite a participar ás comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago e que non están integradas neste organismo. O obxectivo é implicar a todas elas na celebración do Xacobeo 21 por tratarse dun acontecemento estratéxico para o conxunto do Estado. Esta decisión foi tomada no transcurso da 53ª edición da Feira Internacional ITB de Berlín, unha cita na que Galicia promove cada ano a súa oferta turística neste mercado, o segundo do que proceden máis viaxeiros e que move máis peregrinos.
  • Coa participación de empresas e institucións procedentes de quince países de catro continentes, a terceira edición de Fairway será a máis internacional das celebradas ata agora deixando patente o interese que a peregrinación xacobea esperta fóra das nosas fronteiras. Así o salientaron os organizadores deste foro do Camiño na presentación do evento, que terá lugar entre o 10 e o 12 de febreiro no compostelán Palacio de Congresos e Exposicións. A feira, que medrará un 20% con respecto á pasada edición, será máis que nunca o punto de encontro de todas aquelas persoas e institucións vencelladas ao Camiño de Santiago.
  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aspirou hoxe a celebrar o mellor Xacobeo na mellor Galicia da nosa historia e recordou que non é só un proxecto de Galicia, senón de toda España: “Estamos a falar dun dos acontecementos turísticos e culturais máis relevantes que vivirá o conxunto do país nos vindeiros anos”, aseverou, invitando a todas as comunidades e ao Goberno central a cooperar neste gran proxecto. Durante a presentación de Turismo de Galicia en Fitur, Feijóo asegurou que o Xacobeo 2021 será un punto de inflexión na historia turística da Comunidade, como o foi o primeiro gran Xacobeo celebrado en 1993, e, con ese obxectivo, dixo, “Galicia xa empezou a preparalo e a celebralo”.
  • O novo itinerario que botará a andar por vez primeira nesta edición achegará aos viaxeiros á realidade viva da peregrinación xacobea. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de Samos (Camiño Francés). Percorrerá así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia e reforzará á Ruta dos Mosteiros, iniciada a temporada pasada, ao incluír neste novo itinerario dous importantes exemplos do extenso e rico patrimonio monacal galego, ambos estreitamente vinculados aos camiños xacobeos de peregrinación.
  • A estratexia de desestacionalización do turismo en Galicia acadou un novo fito no mes de novembro, cun crecemento do 6,6% na demanda hoteleira en comparación co 2017 ata acadar os mellores rexistros en 11 anos. Así se desprende dos datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que confirman a consolidación desta actividade na Comunidade durante a tempada de outono por terceiro ano consecutivo, unha época na que se están a realizar destacadas iniciativas de promoción e dinamización froito da colaboración entre a administración e o sector.
  • Inaugurada hoxe no concello lucense de Portomarín a exposición itinerante que conmemora o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A mostra fotográfica realiza unha retrospectiva sobre este fito que, no contexto do Xacobeo 93, marcou un antes e un despois na peregrinación a Compostela. Ao longo deste cuarto de século o Camiño Francés avanzou de maneira notable en todos os aspectos relativos á súa xestión e posta en valor.
  • O I Simposio Internacional Os estudos galegos camiño do Xacobeo 21 reunirá en Santiago de Compostela a 150 especialistas en lingua, cultura e proxección exterior, nomeadamente os vencellados á Rede de Lectorados Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, do 14 ao 15 de decembro. O obxectivo é compartir experiencias e definir os eixes de actuación da proxección exterior do noso patrimonio cultural e lingüístico enfocándoos cara o Xacobeo 2021. O simposio está dirixido a persoal docente e investigador das universidades, axentes de turismo e persoal doutras institucións que traballan en proxección exterior.
  • A xuntanza, que dá continuidade aos traballos iniciados no Pleno da Comisión, permitiu acordar a definición das liñas estratéxicas do vindeiro Ano Santo, paso previo á redacción do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021. Estas liñas estratéxicas deberán perseguir o obxectivo xeral de potenciar e actualizar a marca Galicia, reforzando a proxección internacional do noso país, impulsando a renovación da oferta galega e consolidando Galicia como un destino único, referente cultural e turístico. A Comisión Executiva do Xacobeo 2021 informou das últimas decisións aprobadas a nivel nacional no Consejo Jacobeo.
  • O madrileño Manuel Miguel Pozo Guerra, recibiu do Presidente da Xunta a “Compostela” que, no seu caso, é a especial distinción que se lle entrega, dixo Núñez Feijóo, “cando se está a preparar o mellor Xacobeo da nosa historia”, asegurando que este incremento de peregrinos, chegados desde 172 países e cada vez por máis rutas xacobeas, demostra que “Galicia gusta” e que o traballo de todos fai que o Camiño de Santiago xa non sexa un fenómeno exclusivo dos anos santos
  • Esta liña de subvencións da Xunta, busca afondar nun sector máis competitivo e de maior calidade, contemplándose actuacións para elevar a categoría actual dos establecementos, a modernización de instalacións, embelecemento e actualización de equipos. A Consellería de Cultura e Turismo, dentro do seu obxectivo de afondar nun sector turístico máis competitivo, vén de investir case 1 millón de euros para estimular a renovación de establecementos de aloxamento.