Ferrol - 14 Km. O Camiño Inglés, por calquera das súas rutas, transcorre por montañas erosionadas, vellos cumes, en xeral a media altura. Parte de Ferrol, do Porto, do Barrio das Curuxeiras, onde desde o século XI estaba situado o porto, que hai que entender como corazón e razón de ser desta férrea cidade. Ferrol tivo aforamentos desde o século XII, concedidos por Alfonso VII. Foi entregada por Enrique II a Fernán Pérez de Andrade, o Bo, volvendo á coroa en 1733 e nacendo entón o Ferrol mariñeiro e moderno. A igrexa de San Francisco recorda ó convento fundado por Pérez de Andrade no século XIV. O templo actual, do XVIII, ten planta de cruz latina e no seu interior poden contemplarse interesantes imaxes do escultor José Ferreiro. O Arsenal foi construído a partir de mediados do século XVIII, e con el a nova cidade. É unha dársena rectangular con diques de cantaría que se asentan sobre o fondo do mar ou nos illotes alí existentes. As instalacións militares construíronse en terra firme, sendo o elemento máis destacado o Cuartel de Instrución de Mariñeiría. O barrio da Madalena, conxunto urbano nacido neste século, ten un trazado reticular con seis rúas paralelas cortadas por nove transversais e no centro dúas prazas cadradas. O antigo Hospital da Caridade, de finais do século XVIII, que foi erixido para atención de peregrinos e enfermos, é na actualidade o centro cultural Torrente Ballester.
A Concatedral de San Xulián (Ferrol comparte bispado coa histórica Mondoñedo), é obra de Sánchez Bort, da segunda metade do século XVIII. E na Praza de Armas, a Casa do Concello, construída en 1953, que alberga o museo municipal. Pasada a Praza da Constitución e Cantón de Molíns, chégase á neoclásica Igrexa das Angustias. Neste Camiño houbo hospitais da orde hospitalaria de Sancti Spiritus en Ferrol, Neda, Miño, Paderne e Betanzos. Pola súa parte, os todopoderosos Andrade contribuíron á peregrinación construíndo ou reconstruíndo pontes en Xubia, Pontedeume, Lambre, Betanzos e O Burgo. XubiaVamos en ruta paralela á ría ferrolá. En Xubia, atopamos a magnífica igrexa románica de San Martiño, herdeira do antigo mosteiro do Couto erixido no século VIII e reconstruído no XII. A igrexa, de tres naves e cabeceira de tres ábsidas, posúe artísticos canzorros que a fan especial. A portada románica está protexida por un pórtico construído, igual que o campanario, no século XVIII. Neda
Preto xa de Neda, muíño As Aceas de Lembeie, movido polas mareas.
Á beira do río Xubia existe na actualidade un albergue de peregrinos. A igrexa de Santa María é de comezos do século XVIII.
Despedímonos de Neda visitando a igrexa de San Nicolás, do século XIV.
|
|||