0: COMPOSTELA E AS PEREGRINACIÓNS

Comezos do século IX. Reinaba Afonso II o Casto na zona hispana, con capital en Oviedo. Foi en 813 cando o anacoreta Pelaxio, despois da misa na igrexa de San Fiz, observou uns fulgores que producía un campo de estrelas baixadas do ceo.

Comunicoullo ó seu bispo, Teodomiro, en Iria Flavia, e concluíron que alí estaba o sepulcro do apóstolo Santiago, soterrado polos seus discípulos, poñéndoo no coñecemento do Rei Afonso II, Rei de Asturias e Galicia, que a Compostela veu confirmar que os restos atopados en San Fiz de Solovio eran os do Apóstolo Santiago, erixiu en 814 a primeira igrexa, potenciou o culto, e promoveu a primeira corrente de peregrinación desde Oviedo cara á cidade que nacía e que o Rei quería que fose “réplica fiel e exacta da ovetense”.
O monarca encargouse de difundir a boa nova por toda Europa, polo que moi axiña comezaron a chegar peregrinos que converteron a Compostela na terceira cidade santa da Cristiandade.
A peregrinación (a primeira, a do propio Rei) seguía un camiño curto, rápido, rectilíneo… un itinerario coñecido desde os albores da historia, que logo sería coñecido como Camiño “asturiano do interior”. Partía, precisamente, da capital do Reino, de Oviedo, onde estaban as reliquias do Salvador que o Rei mandara traer de Xerusalén. Quedaba establecida así a comunicación histórica entre as tres grandes cidades do noroeste peninsular ao comezo da Reconquista: Oviedo, primeira capital do reino cristián; Lugo, primeira cidade galega, e Compostela, destino das peregrinacións do Fisterra atlántico.
Nas “Partidas” de Afonso O Sabio, defínense ós peregrinos como aqueles que “andan en pelerinaje a Santiago, a San Salvador de Oviedo o a otros lugares de luenga e de extraña tierra”. Deixándose oír a interesada afirmación de que “Quien va a Santiago y no a San Salvador visita al criado y deja al Señor”. De feito é importante e ancestral o apoio entre os camiños do San Salvador de Oviedo -coa tradicional romaría á Cámara Santa- e a ruta xacobea primitiva, retroalimentándose como itinerario de ida ou de volta a Compostela.
Aquí chegaban peregrinos do Norte de España e de toda Europa, pero non pode entenderse o Camiño Primitivo como unha continuación. O primeiro dos Camiños comeza aquí.

Na “Historia General de España”, que Mayerne Tourquet publica en 1635, cando fala do reinado de Ramiro I, entre os anos 842 e 850, afirma que “En tiempo de este rey comenzó a extenderse por todos los pueblos europeos la fama de los milagros hechos por Santiago de Compostela, de tal manera que muchos peregrinos acudieron por tierra y por mar de todos los rincones de la Cristiandad”.
Cando a capital se despraza a León, xa no século X (910), o actualmente coñecido como Camiño Francés cobra carta de natureza, favorecido pola nova situación política, consolidándose no decurso do século XI pola acción de Sancho o Maior e Alfonso VI nas súas respectivas zonas de influencia.
De tódolos xeitos, o nome do Camiño Francés non é privativo do que na actualidade o ostenta, e o Camiño Primitivo tense coñecido en tempos como Camiño Francisco, Camiño de Ovedo, Camiño Francés de Oviedo, ou Camiño Francés de Asturias, tronco e matriz do camiño mesetario, que vén sendo a póla fundamental daquel itinerario iniciático. Xosé Sesto ten sinalado que “tódolos camiños que conducían ó Sepulcro do Apóstolo eran coñecidos en Europa como Camiño de Santiago e, en España, por Camiño Francés.
Aberta a ruta do sur, xa non sería o Primitivo o máis frecuentado, pero seguiu sendo utilizado durante séculos. Oviedo (coas Reliquias da Cámara Santa) seguía a ser un lugar moi importante de peregrinación, e tivo unha gran relevancia a prolongación histórica do Camiño Primitivo pola Strata Sancti Salvatoris ou Camiño astur-leonés, de León a Oviedo, así como o dilema no que se encontraron as peregrinacións medievais en chegando a León: Seguir a vía antiga a Oviedo, ou a nova polo Cebreiro… Quédanos o dito popular de “Estar entre San Marcos y La Ponte”.
Percorremos, pois, os 343 quilómetros do Camiño Primitivo desde a cidade de Oviedo a Compostela.
A este Camiño Primitivo non lle faltaron hospitais, milladoiros, fontes santas ou capelas, e se duro resulta algún tramo do Camiño Francés para aínda facer más meritorio o seu recorrido, duro é o Camiño Primitivo, que percorre a difícil xeografía montañosa entre Galicia e Asturias, e requiriu a construción de numerosos hospitais establecidos no seu percorrido para a atención dos peregrinos, sempre necesitados de axuda. E obtivo apoio constante dos diversos Reis, que fomentaron as peregrinacións por esta ruta, consolidando a relación entre a corte de Oviedo e Compostela.