9: Fonsagrada - O Cádavo

Son 29 km de Camiño, intensos, duros... dos que poñen a proba o ánimo e as forzas do peregrino. Se desde A Fonsagrada se nos ofrecen dous itinerarios, o peregrino non pode perderse ningœn deles. E aínda que signifique maior distancia, a fermosura das paisaxes e o esplendor da natureza, ben merecen un maior esforzo. A Pobra é historia feita pedra. O peregrino fará ben en visitala. E en Montouto volver sobre os seus pasos para afianzarse no Camiño.

A FONSAGRADA

O itinerario orixinario do Camiño é o da Pobra de Burón, A Puebla, núcleo fundamental da historia do Camiño Primitivo, e onde xa no século XIII se fala do “Camiño d´Ovedo”.
Nesta Pobra, capital de concello ata 1835, houbo ata catro hospitais, pero só quedan pegadas do de A Trindade, fundado a mediados do século XIV. A finais dese século menciónanse tamén os da Raíña e Santiago.

BuronCamino

A vila amosa a igrexa de Santa María Magdalena con valiosos retablos barrocos e neoclásicos, e os restos da fortaleza dos Conde de Lemos, e logo dos Altamira, que foi arrasada polos Irmandiños, despois reconstruída e agora esmorece baixo as choivas e os ventos.
Deixando a Pobra de Burón, que ten un barrio chamado O Milladoiro, A Bastida, que tivo Hospital e Hortas de San Lázaro, Casas de Leprosos, e igrexa románica dos cabaleiros sanxoanistas.
Xestoso, ó que se accede por un novo “Camín de misa”, tivo un Lazareto con capela que perdurou ata mediado o século pasado.
Hai que pasar o Pico Muradal (1.108 m) para chegar a Montouto. Debe Montouto – Monte alto- o seu nome a estar situado a 1.050 metros sobre o nivel do mar. Aquí houbo un hospital do que só quedan ruínas, fundado en 1360 polo rei Pedro I de Castela, alcumado O Cruel, co fin de “hospedar, recoger y albergar a los pobres peregrinos que van a Santiago”. Foi o máis importante hospital de alta montaña de Galicia. Reconstruído en 1698, a comezos do século XX aínda estaba en funcionamento, e na súa capela había unha romaría anual ó Señor Santiago.
Na entrada a Montouto, a Pedra-Fita de Pena Labrada sinalaba ós camiñantes perdidos nos duros invernos o seguro refuxio do albergue de peregrinos.

Montouto

Xúntanse aquí os dous ramais do camiño. E nas inmediacións un fermoso dolmen -As Pedras Dereitas- lembra os máis antigos tempos de vida humana nesta comarca.
Moi preto de Montouto, Alto do Cerredo, de 960 m. de altitude.
En Paradavella, que tamén foi dos cabaleiros de San Xoán de Portomarín, consérvanse pallozas e toda a fermosura da construción tradicional galega.
Cruza o camiño a localidade de A Degolada, a vella “Parata Decollata”, que no século XIII marcaba o límite do Condado Naviense. E logo A Lastra, tamén de dominio sanxoanista, para chegar a A Fontaneira(930 m), preto do alto do mesmo nome, con igrexa dedicada ó Apóstolo, que antes foi capela dun albergue de peregrinos.

O CÁDAVO

Chegamos ó chamado Campo da Matanza. A lenda quere que o Rei Afonso II o Casto se enfrontase no Campo da Matanza cun exército musulmán, quizais en defensa da vía libre a Compostela. O que é certo é que o Rei pasaría por estas terras cara a Compostela no tempo do descubrimento do sepulcro do Apóstolo.
Neste campo apareceron restos de armaduras, espadas e sepulturas, o que foi abondo para que a imaxinación popular acreditara a existencia desta gran batalla con vitoria do rei cristián e a conseguinte apertura da gran ruta a Compostela.

O Cádavo

Chégase ó Cádavo, capital do concello de Baleira, pola Carrileira de Santiago, e no Cádavo un novo albergue de peregrinos acredita o permanente paso do Camiño, se ben antes a localidade máis importante era A Esperela, cun vello mosteiro que deu orixe á actual igrexa románica con profundas modificacións posteriores.