Os camiñantes da actualidade non fan máis ca seguir os camiños abertos polos nosos antepasados, en tempos heroicos, buscando a paz interior, movidos pola fe e un cúmulo de sentimentos, trazando sobre a terra camiños que estaban marcados no máis alto.
E desde hai ó redor de mil anos, Compostela é a meta, a fin do Camiño –de todos os camiños- e a terceira das cidades santas da Cristiandade. A capital de Occidente.
Oito camiños
Hai case tantos camiños como camiñantes, pero oito son os que teñen carta de natureza acreditada:
-De Oviedo por Lugo chega o Camiño Primitivo, o primeiro de todos. Por aquí chegaron os primeiros peregrinos.
-O Camiño Francés é o máis coñecido e transitado. Entra en España por Roncesvalles e Somport. Os seus dous ramais únense en Puente la Reina. Durante séculos foi o Camiño por excelencia.
-O Camiño do Norte vén polo País Vasco, Cantabria e Asturias e entra en Galicia por Ribadeo. Únese ó Francés en Arzúa.
-O Camiño Inglés entra por Ferrol e A Coruña. Por el chegaban os peregrinos de terras lindantes co norte de Galicia, mar por medio.
-A Ruta do Mar de Arousa e río Ulla recibía tamén por mar ós peregrinos de terras norteñas.
-Camiño de Fisterra - Muxía, terrestre no tramo galego, con peregrinos que desafiaban os perigos dunha difícil navegación.
-Vía da Prata, desde o sur de España: Sevilla, Zafra, Mérida, Cáceres, Salamanca, Zamora e Ourense.
-E Camiño Portugués, vinculando as terras portuguesas coa tumba do Apóstolo en Compostela.
Hai máis camiños que seguirán rexurdindo e seguiremos descubrindo, como o Camiño de Inverno, que de Ponferrada ía a Valdeorras, Quiroga, Monforte, Chantada, Lalín e Silleda, buscando mellores condicións climatolóxicas no tempo invernal.
Os investigadores seguen facendo xurdir do esquecemento vellas rutas con pegadas de hospitais, memoria de denominacións xacobeas, recordos da secular peregrinación que irán rescatándose do esquecemento. Pero polo de agora estes oito Camiños son as grandes rutas dos peregrinos a Compostela.