'Os estudos galegos Camiño do Xacobeo 21' reunirá en Santiago de Compostela a expertos en lingua, cultura e proxección exterior

O I Simposio Internacional Os estudos galegos camiño do Xacobeo 21 reunirá en Santiago de Compostela a 150 especialistas en lingua, cultura e proxección exterior, nomeadamente os vencellados á Rede de Lectorados Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, do 14 ao 15 de decembro. Así o anunciou hoxe pola mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado da subdirectora xeral María Lourdes Batán.

“Trátase da primeira edición dun simposio que suporá un foro de debate internacional e encontro desde os Centros de Estudos Galegos (CEG) dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, así como doutras entidades colaboradoras, tamén desde o exterior, que funcionan como motores de difusión da nosa lingua e cultura propias”, destacou García Gómez. “O obxectivo é compartir experiencias e definir os eixes de actuación da proxección exterior do noso patrimonio cultural e lingüístico enfocándoos cara o Xacobeo 2021”, concluíu.

O simposio, dirixido especificamente ao persoal docente e investigador das universidades nas que se localizan os CEG, aos axentes de turismo, a persoal universitario e doutras institucións que traballan en proxección exterior e ao persoal da Administración estreitamente relacionado coa Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos, celebrarase durante dous días (venres 14 e sábado 15), con 16 horas de duración.

Contará coa participación, entroutros, de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Luis García Montero, director do Instituto Cervantes; Filipa Soares, responsable do Instituto Camôes en Madrid; Gregorio Ferreiro, vicepresidente da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD); María Boguszewicz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos; directores de diferentes CEG; e os músicos Uxía, Roi Casal, Javier Otero e Guadi Galego, entroutros.
R.