O turismo galego acada en novembro o seus mellores rexistros en 11 anos tras medrar un 6,6% a demanda hoteleira

En total, o número de noites de hotel en Galicia rozou en novembro as 500.000, realizadas por 235.000 viaxeiros, o que representa a segunda cifra máis elevada desta década.
Récord internacional

Por segmentos foi especialmente destacada a progresión do turismo internacional, cun 26% máis de demanda estranxeira nos establecementos hoteleiros. Tamén amosa un maior dinamismo o turismo interno, é dicir, o interese dos propios galegos por achegarse a coñecer o patrimonio e os recursos da Comunidade e gozar das experiencias turísticas en marcha. En concreto, esta tipoloxía avanzou un 9% no décimo primeiro mes do ano.

Neste tempo, a Xunta de Galicia, en colaboración con outras administracións e co sector, vén desenvolvendo iniciativas como Outono Gastronómico no Turismo Rural ou De tapas por Galicia, ademais do Catálogo de Produtos de Turismo Rural de Galicia – Outono 2018.
Crecemento do interior

A nivel territorial, deuse un comportamento homoxéneo, con subidas en todas as provincias malia que de diversa intensidade. O incremento máis notable deuse novamente en Ourense, que marcou unha alza superior ao 10%, fortalecendo así tamén o turismo de interior.

Tamén a estadía media progresa a súa tendencia crecente, cun aumento do 8,6% ata a cifra máis elevada dos últimos sete anos, converxendo ademais coa media nacional, que cae un 2,4%. Neste contexto, os niveis de ocupación soben máis de 2 puntos e ata 3,6 no caso das fin de semana. Así, a rendibilidade do sector logra mellorar máis dun 9%, marcando tamén o valor máis elevado da década. De xeito paralelo, as tarifas hoteleiras avanzan un 3,2%, o que afonda no modelo de calidade que propón a Estratexia do Turismo 2020.
R.