Galicia presenta en Francia a súa oferta turística a través do 'Salon Mondial du Tourisme' de París

A cidade de París acolle desde hoxe a 44ª edición do certame Salon Mondial du Tourisme e a Xunta participa por cuarto ano consecutivo para promover a oferta turística galega e as principais novidades do destino Galicia para o ano 2019 no quinto mercado emisor máis importante para a Comunidade.

O Salón Mondial du Tourisme de París, celébrase entre os días 14 e 17 de marzo no recinto Parc des expositions Porte de Versailles e nos últimos anos tense convertido nun dos principais certames turísticos de Francia, en canto á afluencia de público e concorrencia de operadores turísticos.

A Consellería de Cultura e Turismo participa nesta feira cun recinto dentro do apartado dedicado a España desde o que difunde os valores turísticos da Comunidade galega e se manteñen reunións cos axentes de viaxes deste importante mercado emisor. Nesta edición farase especial fincapé na difusión do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, así como os produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura. Ao longo deste ano 2019, Turismo de Galicia ten previsto realizar outras accións de promoción turística no mercado francés dun xeito específico para promover o turismo de negocios e o turismo náutico.

Demanda turística francesa

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) con algo máis de 92.000 viaxeiros aloxados e preto de 174.000 noites nos establecementos regrados de Galicia, o mercado francés representou en 2018 o 7,5% do total internacional. Francia situouse en cuarto lugar en orde de importancia por detrás de Portugal, Alemaña, Estados Unidos e Italia. Neste ano xa se rexistraron 4.492 pernoitas de cidadáns franceses en Galicia no pasado mes de xaneiro, o que, segundo os datos do INE, supuxo un incremento do 16,2% en relación ao mesmo período do ano anterior. Tamén medrou a estadía media dos viaxeiros franceses un 19,7% en comparación con xaneiro de 2018.

Polo que respecta ao Camiño de Santiago, segundo os datos da Oficina do Peregrino, o pasado ano, 8.875 franceses recibiron a Compostela, o que sitúa a Francia como o quinto país estranxeiro con más peregrinos a Compostela.
R.