Noticias

  • A Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra 'Imago Sancti Iacobi: a iconografía xacobea na Biblioteca de Galicia', unha exposición de percorre os deseños, iconas e ilustracións coas que foron representados o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a cidade de Compostela ao longo dos séculos. Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estendeu o coñecemento do Camiño de Santiago e Compostela. A exposición ilustra as primeiras representacións da cidade, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo.
  • O escenario do Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 ten unha cita este venres ás 22,30 horas coa artista Mounqup. Francesa de nacemento pero galega de adopción, Camille Hèdoin, o seu auténtico nome, caracterízase polos ritmos de música jazz, electrónica e folk. Conta con dous discos ás súas costas e está traballando nun terceiro que verá a luz en breve. Ademais, foi a impulsora da recuperación da aldea de Saumede (Ourense) como punto de convivencia cultural onde cada verán xestiona un festival multidisciplinar.
  • Vén de resolverse a XXII edición do Premio Elías Valiña, o galardón co que distingue o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Como se publica no Diario Oficial de Galicia, este ano recae de xeito conxunto nas Asociacións de Amigos del Camino de Santiago en Ávila e na de Hungría. Ademais, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo ao médico e antropólogo compostelán José Carro Otero, falecido recentemente, cunha mención especial pola súa contribución á divulgación e investigación da Ruta Xacobea.
  • O líder de La Vuelta 21 recibirá unha Cunchiña ao final de cada etapa; é dicir, un boneco de peluche que representa á mascota virtual do Xacobeo 21-22. Deste xeito, o portador do maillot vermello colaborará na difusión do dobre Ano Santo no percorrido da competición desde este sábado 21 de agosto ata a chegada á meta na praza do Obradoiro o 5 de setembro. A mascota virtual do Xacobeo foi ideada inicialmente para o seu uso nas redes sociais, onde acadou unha grande difusión cos seus 32 stikers e con case un centenar de gifs para o seu uso a través de WhatsAp, Facebook, Instagram e Telegram.
  • O programa inclúe máis de 30 concertos por toda a xeografía galega, outras actuacións enmarcadas en ata catro xiras (algunhas mesmo fóra da Comunidade) e a gravación de catro proxectos musicais. Así mesmo, están previstas unha decena de accións como encargas a compositores, proxectos dirixidos a promover a música clásica entre os máis novos ou a fomentar dentro destas entidades o uso de plataformas dixitais para a difusión das súas creacións. O obxectivo desta programación é reforzar a presenza da música clásica na celebración do Xacobeo, achegándoa ao gran público.
  • A xuntanza do Real Padroado da cidade de Santiago de Compostela, presidida polo rei Felipe VI, serviu para presentar a Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 'Camiño de Compostela 2032', no que se recolle un investimento global de 281,56 millóns de euros para o período 2021-2032. Trátase da primeira xuntanza que se celebra nos últimos 18 anos e que busca desenvolver un modelo transformador para a cidade.
  • A cuarta edición do Congreso Internacional da Cátedra institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC foi o foro no que se deron a coñecer os 21 microproxectos de investigación, divulgación e pedagóxicos concedidos pola propia cátedra a través dunha convocatoria pública co apoio da USC, a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia e a Catedral de Santiago. Coa participación de preto dun cento de participantes de xeito presencial e en liña, o Congreso pretendía poñer en valor a actividade científica, divulgadora e didáctica de investigadores, entidades e universidades involucradas no estudo do Camiño e as Peregrinacións.
  • Se ben a pandemia reduciu drasticamente o número de persoas que realizaron o Camiño de Santiago o pasado ano, segundo un estudo do impacto da COVID-19 no perfil do peregrino, a satisfacción coa experiencia de realizar o Camiño segue sendo moi alta: o 95% dos peregrinos enquisados durante o período de verán do pasado ano recomendarían facer o Camiño. Tamén valoran positivamente a información dispoñible e a percepción da seguridade sanitaria, eidos nos que maioritariamente perciben unha alta seguridade sanitaria. Concretamente un 70% das persoas consideran que, en conxunto, a sensación de seguridade ao longo do camiño foi alta ou moi alta.
  • Representantes e conselleiros de comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago mantiveron hoxe un encontro para explorar sinerxías de cara á promoción conxunta das rutas xacobeas e dos seus atractivos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recibiu no Hostal dos Reis Católicos aos representantes de Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela e León, Andalucía e Cataluña para manter un encontro no que sentar as bases das accións coordinadas que se poden poñer en marcha perante unha cita histórica como é o dobre Ano Santo, unha oportunidade para todos os territorios polos que atravesan as rutas xacobeas.
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 145º pleno do Comité Europeo das Rexións que rematou este xoves e tivo ocasión de debater co vicepresidente da Comisión para a Promoción do Modo de Vida Europeo, Margaritis Schinas, sobre A promoción dos valores europeos a través da cultura e da educación. Neste ámbito, o director xeral reivindicou o papel do Xacobeo 21-22 e do Camiño de Santiago, como elementos fundamentais para a transmisión dos valores culturais europeos e para a construción da identidade europea actual.