Noticias

  • O programa O teu Xacobeo impulsa este verán travesías náuticas xacobeas para completar desde as rías as etapas terrestres do Camiño de Santiago e para dar a coñecer o traxecto da entrada da barca de pedra do Apóstolo desde a bocana da ría de Arousa. As saídas en veleiros poden realizarse desde Vigo, Portonovo, Baiona, Ribeira e a Pobra do Caramiñal, portos que forman parte da chamada Travesía Náutica Xacobea Sur. Os percorridos que saen desde os portos das rías de Vigo e Pontevedra pretenden complementar as etapas a pé do Camiño de Santiago e están concibidas, ademais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a gastronomía e a historia de Galicia a través da Ruta Xacobea.
  • Camiño Escena Norte xurde por iniciativa das asociacións profesionais de empresas de produción escénica das devanditas comunidades, que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).
  • Galicia acolle este verán máis de cen actividades dentro da programación de O teu Xacobeo, a convocatoria que propiciará a posta en marcha de 352 iniciativas de dinamización en toda Galicia como antesala do próximo Ano Santo. O programa busca favorecer a participación e a descentralización do vindeiro Xacobeo 21. Trátase da primeira vez que o Goberno galego pon en marcha un proxecto co Xacobeo como referente feito coa implicación de toda sociedade galega. Así, dos máis de 350 proxectos aprobados propostos por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro, máis dun centenar espallaranse ata o remate de verán pola xeografía galega.
  • Os froitos da convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo permitirán impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto para o que a Xunta aportará un total de 4,7 millóns de euros, e suporá a mobilización en toda Galicia de preto de nove millóns de euros ao longo deste ano e ata abril do 2020. As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: desde o ámbito artístico, pasando polo do patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade e a gastronomía, ata o ámbito deportivo e o social.
  • A Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, inaugurou no Instituto Cervantes de Nova York a exposición itinerante do fotógrafo Manuel Valcárcel The Way to Santiago, a contemporary experience of pilgrimage coa que a Xunta e Correos están a promover de xeito itinerante en varias cidades estadounidenses tanto o Xacobeo 2021 como os valores e riqueza da experiencia da peregrinación na Ruta Xacobea.
  • A convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo impulsará 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto que conta cun investimento de 4,7 millóns de euros por parte da Xunta e permitirá mobilizar preto de nove millóns de euros en todo Galicia, ao longo deste 2019 e ata abril do 2020.
  • A nova edición do ciclo musical Música no Camiño levará á praza de Praterías de Santiago de Compostela 20 actuacións musicais ata o mes de agosto, a cargo de diferentes bandas populares galegas para difundir a cultura xacobea e reforzar o papel da cidade como meta do Camiño de Santiago. Como en cada edición, Música no Camiño desenvólvese con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluirán obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.
  • As obras formarán parte de 'Galicia, un relato no mundo', a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21, que se inaugurará o próximo novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. O Liber Sancti Iacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelano, como é o propio rostro do emperador Carlomagno. Na Idade Media, realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente.
  • Tras a experiencia positiva do ano pasado, este ano volve celebrarse en Santiago o II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista baixo o lema “Et Ultreia” que tradicionalmente os peregrinos do Camiño de Santiago adoitaban para incentivarse no esforzo de ir ‘máis aló’ ata chegar á tumba do Apóstolo. O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá entre os días 24 e 26 de abril e conta co apoio e a colaboración da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia da USC e o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra. Están previstos tres relatorios de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media.
  • O xurado do XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia, reunido a pasada semana en Santiago de Compostela, decidiu recoñecer o académico e investigador George Greenia pola súa “fecunda traxectoria universitaria, vinculación con Galicia e contribución á difusión internacional do fenómeno xacobeo”. Ao comunicarlle a decisión, o premiado declarou que aceptaba este “xeneroso recoñecemento dos esforzos” realizados a través do Instituto de Estudos das Peregrinacións da William & Mary, unha institución con sede na cidade estadounidense de Williamsburg e centrada na “ investigación científica das viaxes de transformación persoal en todo territorio, tempo e tradición”.