|
-
Artellado como un encontro de tres días que terá lugar do 5 ao 7 de novembro no novo Edificio Fontán da Cidade da Cultura, Carta de Santiago contará coa participación de relatores e relatoras de prestixio internacional, especialistas nos diferentes eidos temáticos que tratará o evento, que se estrutura en catro macro-áreas: economía, ciencia, medio ambiente e cidadanía. Das conclusións deste encontro nacerá unha publicación homónima, documento que ademais de recoller as reflexións xeradas, incluirá textos que complementen as conversas e debates ao vivo.
-
Camiño Creativo celebra este ano a súa primeira edición co obxectivo de promover novos modelos de negocio e xerar riqueza e emprego no sector da creatividade ao tempo que se reactivan os sectores económicos tradicionais. Así mesmo, a iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, tamén procura favorecer a cohesión social a través do diálogo intercultural, preparar á mocidade para asumir o liderazgo na economía creativa, promover a difusión de coñecemento, a creatividade e espírito emprendedor e impulsar unha educación cultural aberta á sociedade.
-
A mostra, que permanecerá na Fundación DIDAC de Santiago ata finais do mes de abril, descobre o potencial cultural e o peso de elementos arquitectónicos modestos (fontes, lavadoiros...) que dan sentido ao territorio a través do estudo de cinco enclaves: O Amenal (Francés); Rubial (Vía da Prata), Rúa de Francos (Portugués); Augapesada (Fisterra) e Marantes (Inglés). O traballo estivo impulsado pola arquitecta Elisa Gallego e o fotógrafo Julián Barón, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e o Grupo Cidade e Territorio, ambos da Universidade da Coruña.
-
Co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista,vense de poñer en marcha a iniciativa Xacobeo Peregrinas, un ciclo de dez encontros multidisciplinares que se desenvolverán nos Camiños de Santiago ata fin de ano. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro presentou esta mañá a acción.
-
Presentar unha primeira estimación do impacto da COVID-19 sobre a capacidade do Camiño Francés á hora de albergar peregrinos foi a meta do proxecto de investigación liderado por Roberto Bande Ramudo do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC. Ao abeiro da Cátedra do Camiño e das Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, este proxecto concluíu que “o impacto da pandemia sobre a capacidade de carga pode ser cualificado como moderado”. Pola súa parte e tamén no marco da mesma convocatoria, a investigación coordinada por Dolores Riveiro García, pertencente ao mesmo grupo de investigación, constatou que o perfil do peregrino non se viu afectado pola devandita situación de alerta sanitaria.
-
Un protocolo de colaboración entre a Xunta e o Goberno portugués permitirá afondar na colaboración entre estas dúas institucións no ámbito da programación do Xacobeo 2021 e a certificación dos camiños de Santiago no país veciño. Así se acordou na reunión telemática na que, por parte galega participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os membros da Comisión de Certificación dos Camiños de Santiago pola parte portuguesa. Na reunión tamén se tratou a situación do proceso de certificación dos Camiños de Santiago en Portugal na actualidade, así como a posibilidade de acadar acordos coas distintas entidades rexionais portuguesas dos territorios polos que pasa o Camiño de Santiago.
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego traballa nun Plan Estratéxico da Década Xacobeo 2021-2032 co obxectivo de contar cunha folla de ruta que aproveite as sinerxias dos tres próximos anos santos. Alfonso Rueda compareceu esta mañá na Cámara galega, a petición propia, para explicar as previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento nesta lexislatura 2020-2024, onde indicou que o turismo é un dos sectores clave para a recuperación económica da nosa comunidade polo que se potenciara o Xacobeo como oportunidade única para a proxección exterior de Galicia, de maneira que se buscarán e potenciarán proxectos que se prolonguen no tempo e sexan mais sustentables e fortalezan a marca Galicia.
-
Inaugurouse no Museo do Mar de Galicia a mostra Facer Camiño, unha exposición itinerante na que se asocia a arte co Camiño de Santiago que, logo da súa estadía viguesa, percorrerá as restantes cidades galegas e as vilas de Tui, Cee e Mondoñedo concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas. A comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, realizou unha escolma de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.
-
Galicia colaborará con Andalucía, Castela e León e Estremadura no impulso e divulgación da Vía da Prata, así como na protección, sinalización, promoción e conservación desta ruta ou no desenvolvemento de accións de cara á celebración do Xacobeo 2021. Así se reflectiu na xuntanza que mantivo en Cáceres o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, cos responsables das áreas de Cultura, Turismo e Patrimonio das comunidades polas que transcorre este itinerario , coas que asinou un protocolo de colaboración para traballar en accións sobre este itinerario, “unha folla de ruta” que sente os mecanismos para desenvolver un traballo efectivo e coordinado.
-
Na súa segunda edición, Camiño Escena Norte volverá articular as súas actividades arredor de dous eixos: o Itinerario Constelacións e o Camiño Expandido. O primeiro deles suporá a realización en Galicia de oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas, ao tempo que dúas formacións galegas terán a oportunidade de presentar os seus traballos nas outras tres comunidades participantes. Pola súa banda, Camiño Expandido ofrecerá unha serie de actividades paralelas para explorar as relacións co público e novas posibilidades de intercambio profesional, así como para favorecer a reflexión no marco deste sector. A ruta histórica do Camiño do Norte vertebra este proxecto interautonómico co obxectivo de facilitar o coñecemento mutuo entre os profesionais e o público destas catro comunidades autónomas.
|
|