O programa ‘O teu xacobeo’ ven de aceptar 352 proxectos de actividades, dos que 80 foron propostos por entidades locais, 89 por pemes e particulares e 183 por entidades sen ánimo de lucro |

No caso da primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións), impulsaranse un total de 80 proxectos que contarán cun investimento de preto dun millón de euros. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.
A segunda das liñas favorecerá a posta en marcha de 89 iniciativas propostas por pemes e particulares nas que se investirán preto de 1,5 millóns de euros en poxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar 183 propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro e contará cun orzamento de 2 millóns de euros. “Confiamos en que esta iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”, recalcou Román Rodríguez.
Cinco ámbitos de actuación
O conselleiro de Cultura e Turismo recalcou que O Teu Xacobeo representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do próximo Ano Santo polo que aposta a Xunta. De feito, Román Rodríguez celebrou que a posta en marcha dos diferentes proxectos permitirá ampliar a repercusión da celebración, anticipando e levando a súa influencia máis alá do 2021, ao tempo que se avanza na súa “descentralización”, implicando a todos os concellos de Galicia. “O Xacobeo non pode ser un proxecto duns poucos, senón un proxecto participativo”, destacou.
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.
En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.
No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.
R.