A mostra de San Francisco, On the road, acada os 30.000 visitantes e segue ata novembro

“On the Road”, a gran mostra conmemorativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Turismo de Galicia inaugurou o 27 de xuño alcanzou no mes de agosto os 30.000 visitantes. A exposición que aglutina as creacións dalgúns dos artistas contemporáneos máis recoñecidos no ámbito internacional na actualidade permanecerá aberta ata finais de novembro.

A mostra, que conta coa participación de 35 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel, é unha homenaxe á cultura do noso tempo e xira arredor da idea do Camiño de Santiago percorrido polo santo de Asís e do concepto de camiñar.

O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago como a praza do Obradoiro ou o Hostal dos Reis Católicos, son os escenarios que acollen este singular repertorio de inquedanzas, saberes, visións e achegas artísticas pensado como un percorrido es si mesmo.

O VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago é un acontecemento que conta coa declaración de Especial Interese Público e celébrase en Galicia dende mediados de 2013 ata mediados de 2015. Algúns dos eventos máis destacados enmarcados nesta conmemoración, ademais da mostra ‘On the Road', son a a exposición ‘Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago' ou o I Congreso Internacional de Peregrinacións e o I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño, que se celebrarán en Santiago en setembro de 2014 e maio de 2015, respectivamente. Este VIII Centenario converte a Comunidade galega no epicentro da actividade cultural, científica, expositiva e artística.

‘On the Road’ deixará como legado do centenario para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez. Para acoller esta mostra e para o seu uso cultural posterior, Turismo de Galicia levou adiante neste Pazo unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento para o que se asinou un acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Catedral de Santiago.

‘Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West son os artistas que participan na exposición. Doce destes artistas crearon obras específicas para exhibirse en Santiago de Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia