O Instituto Cervantes en París acolle a Semana do Camiño de Santiago

Galicia e a Ruta Xacobea son protagonistas na sede da capital francesa do Instituto Cervantes da Semana do Camiño de Santiago en París, que ata o día 20 de xuño, acolle distintas actividades co obxectivo de promover entre os parisinos e o sector turístico francés os valores culturais e turísticos da comunidade galega.

Esta promoción que desenvolve A Xunta, a través de Turismo de Galicia, en colaboración coa Embaixada de España en París, a Oficina de Turismo de España en París e o Instituto Cervantes, comezou onte coa inauguración da exposición fotográfica sobre o Camiño de Santiago do fotógrafo Hans-Günter Kauffman, no que os asistentes puideron degustar tamén unha selección de produtos da gastronomía galega e viños das cinco denominacións de orixe protexidas.

Ademais, no día de onte, persoas relacionadas co mundo da cultura e os medios de comunicación parisinos puideron participar nunha `peregrinación´ dende a Tour de Saint-Jacques, situada na contorna da rúa Rivoli, a avenida Victoria e o bulevar de Sebastopol ata á sede do Instituto Cervantes, na rúa Quentin-Bauchart, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Embaixada de España en París e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en París.

Proxección do filme The way

Para o día de hoxe está prevista a emisión do filme The way, protagonizada por Martin Sheen no auditorio do Instituto Cervantes de París e o día 18 a escritora Alix de Saint André pronunciará unha conferencia sobre o Camiño de Santiago.

Xa, o día 20 de xuño, Turismo de Galicia organizará unha presentación de Galicia e a súa oferta turística na sede do Instituto Cervantes na que participarán os principais operadores turísticos de Francia, así como medios de comunicación especializados. Nesta presentación estará a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.

Durante estes días, Turismo de Galicia instalará tamén na sede do Instituto Cervantes de París un mostrador con información turística sobre a comunidade galega que estará antendido por persoal especializado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia