Concentración de esforzos para continuar coa restauración do Pórtico da Gloria ata 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou no acto de sinatura do convenio marco entre a Fundación Barrié e a Fundación Catedral que define o marco institucional do Programa Catedral e regula a continuidade do proxecto de conservación preventiva e de restauración do Pórtico da Gloria.

O arcebispo de Santiago e presidente da Fundación Catedral Julián Barrio Barrio, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, subscribiron o convenio na Sala Capitular do devandito templo, en presenza do titular da Consellería de Cultura e Educación. O acto rematou coas intervencións do director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo e o director xeral da Barrié, Javier López nas que detallaron os traballos que se realizaron no Pórtico da Gloria

Vázquez Abad destacou na súa intervención que “o Pórtico merece e ten a máxima consideración de todas as partes presentes e, por suposto, da Xunta de Galicia, que a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, colaborará e asesorará para acadar as máximas garantías técnicas en cada un dos traballos”

“Investigar, protexer, conservar, difundir e explicar axeitadamente para o seu gozo social o patrimonio cultural de Galicia require dun traballo coordinado, colaborativo e corresponsable como o que, sen dúbida, inspira a firma deste convenio entre estas dúas Fundacións de transcendental importancia para a educación, a cultura e a sociedade galegas”, afirmou o conselleiro.

Convenio de colaboración

A Fundación Barrié e o Arcebispado de Santiago manteñen unha estreita colaboración que se remonta o ano 1968. O obxecto deste acordo é definir o marco institucional do Programa Catedral, o cal está centrado nos traballos de restauración do Pórtico da Gloria, así como por aquelas outras actuacións no templo que se poidan definir e regular en convenios específicos.

Os traballos que se concreten non poden iniciarse sen as preceptivas autorizacións da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Educación. O convenio marco durará até o 30 de Decembro de 2017.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia