O proxecto CCamina presenta iniciativas innovadoras en turismo

A directora de Turismo de Galicia interveu no acto de clausura da iniciativa CCamina, un proxecto que aglutina a experiencia de percorrer o Camiño de Santiago con actividades formativas, coaching e desenvolvemento persoal.

No acto estiveron presentes tamén o director xerente da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; a tenente de alcalde e concelleira de Turismo do Concello de Santiago, Reyes Leis; e máis a directora e fundadora de CCamina, Mariela Villar.

No peche do evento, a directora de Turismo incidiu na importancia de innovar e aportar valor engadido para as empresas turísticas e recalcou que a eficiencia e a calidade, a aplicación de solucións sostibles e a innovación e o cambio como estratexia son os conceptos nos que se debe basear o futuro das empresas turísticas. “A aposta por proxectos sostibles, eficientes e respectuosos co medio é fundamental para acadar o progreso do sector, para poñer en marcha un novo xeito de medrar e ser competitivos”, explicou.

Segundo comentou a directora de Turismo, “todas as iniciativas que como CCamina traballan por mellorar a súa formación e implementar novas tecnoloxías ou adaptar o seu negocio aos novos tempos e ás novas necesidades demostran a capacidade de emprendemento do sector”.

Ao tempo, tamén destacou o feito de que a actividade coa que bota a andar CCamina, a CCaminata de Líderes escollera o Camiño Norte a Santiago para desenvolver a primeira acción formativa. Destacou os recursos culturais e patrimoniais da ruta e incidiu en que esta foi a ruta percorrida por San Francisco de Asís na súa peregrinación a Santiago. “Neste ano iniciamos a celebración dos actos do VIII Centenario desta peregrinación a Santiago do santo de Asís, actos que converterán a Compostela no epicentro do turismo cultural”, explicou. Ademais, a directora de Turismo de Galicia informou sobre que no que vai de ano, máis de 182 mil camiñantes percorreron os Camiños de Santiago, un 12,57% máis que os peregrinos que recolleron a Compostela no mesmo período do 2012. Máis de 11 mil escolleron o Camiño do Norte para vivir a experiencia de chegar a Compostela, son un 2,8% máis que os peregrinos rexistrados no mesmo período do ano pasado.

Valor engadido á experiencia de camiñar

A respecto da iniciativa presentada hoxe, a directora de Turismo resaltou tamén a importancia de buscar a excelencia e apostar pola calidade como principais elementos diferenciais no mercado.

“A iniciativa que hoxe clausuramos incorpora a innovación, a experiencia e o coñecemento ao servizo daqueles que desexen realizar a Ruta Xacobea dun xeito diferente, aproveitando para realizar sesións de coaching e autocoñecemento”, explicou.

Segundo destacou Nava Castro, “o Camiño de Santiago combínase deste xeito con actividades formativas, aportando un valor engadido á experiencia de camiñar”. E engadiu que as iniciativas que xorden arredor das Rutas Xacobeas “non son senón a mostra de que os Camiños de Santiago seguen máis vivos que nunca, de que miles de persoas escollen esta experiencia como parte da súa aprendizaxe vital”.

Empresa coworking

O director da Agadic, Jacobo Sutil, referiuse á empresa Ccamina como exemplo da política de fomento ás empresas do eido cultural levada a cabo a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tanto polo que atinxe ao apoio firme ao emprendedurismo e á innovación cultural para favorecer o autoemprego e a dinamización empresarial na Cultura, como polo respaldo á suma de valores que concorren no binomio cultura-turismo no deseño de novos produtos e servizos.

Neste sentido, destacou de Ccamina (empresa con sede no espazo coworking da Cidade da Cultura) "a súa achega a unha novedosa visión da peregrinaxe a Compostela e a súa capacidade para compoñer un produto cultural innovador, diferenciado e incluso posicionado internacionalmente nos mercados de distribución".


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia