Medra un 67% a cifra de peregrinos que percorreron o Camiño Francés en 2013

A cifra de peregrinos que percorreron o Camiño Francés no primeiro trimestre deste 2013 incrementouse nun 67% a respecto dos contabilizados no primeiro trimestre do ano pasado. Así o anunciou tras o acto de sinatura do convenio para o mantemento e rehabilitación desta Ruta Xacobea, Nava Castro, a directora de Turismo de Galicia.

O Concello de Portomarín acolleu o acto de sinatura deste convenio que contou coa presenza dos alcaldes dos municipios que conforman a Mancomunidade do Camiño Francés, entre os que se atopan o presidente da mesma, o alcalde de Paradela, Juan Manuel Mato Díaz, e mais o alcalde de Portomarín, Juan Serrano López. Ademais, o acto contou coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias.

Turismo de Galicia asina acordos cos concellos que conforman a Mancomunidade do Camiño Francés e que son Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino a través dos que se aporta unha cantidade estipulada en función dos quilómetros de Camiño que transcorran polo municipio. Con este documento, as entidades municipais comprométense a realizar tarefas de desbroce da maleza, limpeza de residuos e protección do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello. De tal xeito que o Concello obrígase a adoptar todas as medidas oportunas que eviten o seu deterioro ou destrución respectando as medidas que lle sexan indicadas tanto dende Turismo de Galicia a través do Xacobeo, como dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Nos acordos fíxase tamén o material específico que teñen que utilizar os equipos de traballo, a súa indumentaria, así como as diferentes obrigas que han de cumprir coa fin de manter a Ruta Xacobea en perfecto estado ao seu paso polo termo municipal. O importe global dos diferentes convenios ascende a 156.000 euros, resultantes de aportar mil euros por cada quilómetro do Camiño Francés en Galicia.

Unha ruta en constante crecemento

O Camiño Francés é o itinerario con maior tradición histórica e máis recoñecido internacionalmente. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no que vai de 2013, recolleron Compostela tras percorrer o Camiño Francés un total de 6.215 peregrinos. No mesmo período de 2012, percorreron o Camiño Francés un total de 3.724.

No primeiro trimestre deste ano recolleron a Compostela un total de 9.317 peregrinos que recorreron algún dos Camiños de Santiago. No mesmo período de 2012, percorreran as Rutas Xacobeas un total de 5.437 peregrinos que recolleron a súa Compostela. Neste caso, a porcentaxe de incremento é do 71,36% en relación ao ano pasado.

De xaneiro ata comezos de abril de 2013, percorreron só o Camiño Francés máis peregrinos dos que en 2012 percorreran a totalidade das Rutas Xacobeas neste mesmo período (entre xaneiro e comezos de abril de 2013, 6.215 peregrinos percorreron o Camiño Francés fronte aos 5.437 que percorreron todos os Camiños no mesmo período de 2.012).

Segundo recalcou Nava Castro, o Camiño Francés é hoxe un espazo de memoria colectiva e como tal temos que mantelo e conservalo. “É tarefa da Administración Turística de Galicia manter, conservar, difundir e promocionar os Camiños de Santiago. A Lei establece tamén que as Administracións locais cooperarán cos órganos da Xunta de Galicia na conservación e protección dos tramos do Camiño que discorran polos seus respectivos territorios”, explicou.

Do mesmo xeito resaltou que Turismo de Galicia está a levar a cabo a itinerancia a través do Xacobeo dunha importante mostra que leva o Camiño Francés mais aló das nosas fronteiras e que sen dúbida está a ser un importante revulsivo para as boas cifras acadadas nos últimos meses. Con esta mostra pódese descubrir os contidos do Códice pero tamén a época na que se fixo e os valores culturais do Camiño. Está a percorrer diferentes cidades españolas e europeas, como Le Puy, Munich, Berlín ou Roma. Nestes momentos pode visitarse en Nápoles.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia