O Xacobeo, na mostra As compostelas en Compostela, en San Martín Pinario

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Secretaría Xeral para o Turismo asistiu á apertura da mostra As compostelas en Compostela que conta coa colaboración da sociedade e que se pode visitar na sala de exposicións da Hospedaría de San Martiño Pinario, en Santiago.

Esta exposición, cuxo autor é o escritor Fernando Lalanda e que está comisariada por Mario Clavell, está organizada pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e mais pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Madrid. A mostra recolle a historia e evolución da compostela, o certificado das peregrinacións a Santiago, xunto con outros documentos xacobeos do período de 1733 a 1993.

Fernando Lalanda, escritor e peregrino dende 1976, é autor de diversos libros de temática xacobea, tales como El juego de la oca en el Camino de Santiago, El boom del Camino en sus años oscuros, 1961-1969, ¿Sois peregrinos?, 1976 un Camino en la Transición ou Madrid a los pies de Santiago.

Co nome de compostela coñécese o diploma que a Catedral de Santiago entrega aos peregrinos que chegan a Santiago con sentido cristián e acreditan esa condición e tras percorrer un mínimo de cen quilómetros a pe, a cabalo ou douscentos en bicicleta. Este documento é a evolución dos antigos certificados chamados de Confesión e Comunión e a súa crecente popularidade vai parella ao auxe dos Camiños.

A exposición

A exposición exhibe a historia e transformación do certificado dende 1733 a 1993, ata chegar aos catro modelos que actualmente expide a Catedral compostelá. A mostra complétase con documentos que outras institucións outorgan ao peregrino, tales como os diversos diplomas de final de peregrinación que a imitación da compostela emiten outros centros de peregrinación cristiá, ou os diplomas que a modo de recordo recollen os peregrinos ao seu paso polos lugares por onde pasa o Camiño de Santiago. Todos estes documentos expostos amósanse detalladamente nun catálogo. Así mesmo, os visitantes poderán solicitar un documento nominal que acredite a súa visita á exposición realizado expresamente por Mariano de Souza, chamado “o pintor do Camiño”.

http://www.fonmiña.es/
http://www.facebook.com/SemanaCineLugo
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia