O Foro do Camiño Primitivo critica a pasividade da Xunta na súa recuperación

Con motivo de se cumpriren dous anos da súa constitución, o Foro do Camiño Primitivo celebrou unha asemblea xeral para analizar a evolución do estado de conservación e protección desta milenaria calzada medieval. Malia a que hai dous anos o Foro xa alertaba á Xunta de Galicia da necesidade urxente de proceder á delimitación oficial deste primeiro camiño de peregrinación a Compostela, os membros do Foro veñen de constatar que desde aquela a Xunta aínda non deu ningún paso cara a esa dirección, permitindo que o Camiño Primitivo siga a sufrir un elevado grao de ameaza ambiental e de agresión ao seu patrimonio cultural.

Este proceso de delimitación, que podería asegurar a preservación da súa traza física e do seu territorio histórico, agora faise apremiante debido a que a UNESCO está a analizar o expediente da candidatura do Camiño Primitivo para ser proclamado como Patrimonio Mundial. Hai que lembrar que esta candidatura xa foi anunciada a comezos do ano pasado por parte do Consello de Patrimonio Histórico Español, momento no que o Foro volveu a reincidir na importancia de delimitar o Camiño. Aínda así, a día de hoxe aínda non se coñece unha soa actuación que a Xunta teña realizado para este fin.

A delimitación oficial do Camiño Primitivo tamén é apremiante polos reiterados impactos contra a súa estrutura tradicional que xa se denunciaron no seu día diante da Consellaría de Cultura e do Servizo de Patrimonio, os cales están a facer caso omiso das súas obrigas para coa vía primitiva contempladas na lei 3/1996 de protección dos camiños de Santiago. Algunhas das desfeitas denunciadas que, polo de agora, non foron repostas son: a adulteración da traza camiñeira en Guntín de Pallares, en Castroverde ou na Terra de Melide (Pena Ferrada e Camiño da Martagona); o impacto das concentracións parcelarias no entorno do hospital de Burgo de Negral, de Poutomillos e da Esperela (Campo da Matanza); a tala das carballeiras na Pradeda do Cádavo; o peche do camiño vello en Carballido e San Xoán do Alto (Lugo) ou en Vilalle (Castroverde); o deterioro paisaxístico e ambiental producido pola canteira de Bascuas (Lugo); a presión urbanizadora no barrio do Carme (cidade de Lugo); a marxinación da verea iniciática na Póboa de Burón; a recente destrución do Forno de Valeriano na Fonte Sagrada; a futura implantación do polígono industrial da Fonsagrada; o asentamento dun parque eólico sobre as ruínas do Hospital de Montouto fundado por Pedro I; o deterioro arquitectónico en Soutomerille (Castroverde) e no Carril das Flores, Regueiro dos Hortos e Calzada da Ponte (Lugo); a permuta da vía pública no Mesón de Fraiás e un longo etcétera.

Para o Foro do Camiño Primitivo, a indiferenza profesada por parte da administración pública autonómica ante as denuncias dos seus membros e ante a relevancia da candidatura da vía primitiva como Patrimonio da Humanidade, constitúe un acto de neglixencia e abandono do exercicio das responsabilidades públicas na defensa deste ben común. Estes e outros atentados amparáronse en boa medida na pasividade e inoperatividade administrativa, mesmo con informes favorábeis, tamén dos entes locais, o que reafirma a necesidade dunha delimitación abordada con clara vontade política, rigor científico e respecto á legalidade xurídica.

Neste sentido, o Foro do Camiño advirte á administración pública que se manterá vixiante para que esta responda á legalidade en todos os seus termos e para que reclame un debate social participativo, serio e rigoroso previo á delimitación definitiva, tanto do itinerario oficial como do territorio afectado. Así mesmo, o Foro considera como premisas irrenunciábeis na delimitación oficial do Camiño Primitivo os principios de integridade e autenticidade histórica da calzada milenaria, o que implica que haberá que recuperar a traza antiga e a súa custodia, seguindo os criterios legais, e que se desbotará a redución do ámbito do BIC (Ben de Interese Cultural). Estes son os valores nos que acreditan firmemente as persoas, entidades e organizacións que constitúen esta plataforma e para cuxa defensa manifestan a súa disposición decidida e ofrecen a súa colaboración.
Foro do Camiño Primitivo