O Xacobeo destaca o espectacular incremento de peregrinos coreanos

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, acompañou á escritora e xornalista surcoreana Kim Hyo Sun, autora de tres libros sobre o Camiño de Santiago cunha ampla repercusión no seu país, no seu encontro con medios de comunicación celebrado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. No acto tamén participaron a directora dos Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Lanzada Calatayud, e o profesor de Historia Medieval da Facultade de Historia de Santiago, José Andrade.

Nos tres libros xacobeos, Kim Hyo Sun describe respectivamente as súas peregrinacións polos camiños Francés, Portugués e Vía da Prata. Estas publicacións levan vendido milleiros de exemplares e teñen influído, sen dúbida, no boom dos últimos anos dos peregrinos procedentes de Corea do Sur. Tamén escribiu numerosos artigos xornalísticos sobre a mesma materia.

Durante o acto, a directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo asegurou que a promoción do Camiño de Santiago en Corea “é moi importante”, xa que se trata dun mercado moi interesante no que un amplo sector da poboación coñece o fenómeno da ruta xacobea. Camino Triguero destacou que en Corea “apreciase un alto interese no Camiño de Santiago”, algo do que dá boa mostra, segundo dixo, “o espectacular incremento de peregrinos coreanos que chegan a Santiago”.

Nesta liña, lembrou as accións promocionais do Camiño de Santiago realizadas o pasado mes de maio en Seul, cando se celebraron en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela uns cursos internacionais que suscitaron o interese da comunidade universitaria.

Aniversario Revista Peregrina

Esta mesma tarde, e coa intención de apoiar e recoñecer o gran traballo de divulgación e promoción que vén realizando Camino de Santiago. Revista peregrina, a directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero Salas, tamén participará nos actos do terceiro aniversario desta publicación, celebrados no Salón de Peregrinos da Hospedería de San Martiño Pinario.

Na liña mantida pola Consellería de Cultura e Turismo, da que depende a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a máxima responsable desta empresa pública considera que o labor da devandita publicación veu cubrir con éxito un baleiro existente, ao apostar pola súa difusión a través dos medios habituais de distribución da prensa comercial e por unha estrutura profesionalizada. “Isto axudou a poñer o Camiño de Santiago ao alcance de todo tipo de públicos", engade. Tamén destaca Camino Triguero o abnegado traballo realizado desde o primeiro número, en setembro de 2008, pola directora revista, Carmen Pugliese, e o seu equipo de redacción, formado por xornalistas, peregrinos, expertos e historiadores de moi diversas procedencias.

A publicación, de carácter bimensual, conta desde o seus inicios co apoio do Xacobeo, que colabora no seu patrocinio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia