Máis de 25.000 espectadores asistiron ao IV Festival Via Stellae

O Festival de Música de Compostela e os seus Camiños Via Stellae pecha a súa cuarta edición batendo o seu récord de participación. Máis de 25.000 espectadores asistiron aos concertos programados en 40 vilas e cidades galegas polas que discorren as rutas xacobeas, nunha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. O gran concerto de clausura desta noite, á que asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, correrá a cargo da Kammerorchester Basel, co director austríaco HK Gruber e a soprano rumana Elena Mosuc no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

No balance das tres semanas de actividade, o conselleiro destaca a resposta positiva “tanto do público compostelán e galego como dos turistas que visitaron a nosa Comunidade e acolleron con entusiasmo unha interesante, atraínte, intensa e variada programación chea de recoñecidas figuras de talla internacional e artistas galegos”. Para Roberto Varela, o barroco é “o punto de partida que define a personalidade e o carácter do festival que tamén presta unha especial atención a outros períodos da historia da música”. Neste sentido, a cuarta edición de Via Stellae “chegou ao século XXI coa estrea de obras actuais e, incluso, acolleu ata 9 estreas mundiais con 5 novas obras de compositores galegos”.

Éxito de público

Un dos datos máis significativos é que en Santiago de Compostela, sede principal do festival como meta das rutas xacobeas, o público encheu completamente 17 dos 22 concertos e nos restantes houbo uns excelente nivel de asistencia cos que se acadou unha asistencia media superior ao 95%. En moitos dos concertos chegaron a formarse longas colas ás portas dos lugares de celebración dos concertos agardando que quedasen cadeiras sen ocupar que permitisen acceder aos concertos.

A participación e implicación do público no festival superou, segundo o director artístico do Festival, Víctor Carou, “as expectativas máis optimistas da organización e o razonablemente agardable para un festival que apenas vén de rematar a súa cuarta convocatoria”. Na súa opinión, “son sen dúbida outro sólido argumento que demostra o gran potencial de futuro do Festival Via Stellae”.

Novidades

Víctor Carou sinala ademais o “gran pulo” que esta edición supuxo para o crecemento do Via Stellae 20/21, “un ciclo de once concertos dedicados á música destes séculos (o XX e o XXI) no que a música contemporánea, os clásicos do século XX, as vangardas, os creadores galegos actuais e os intérpretes galegos máis preocupados pola difusión do repertorio musical dos nosos días foron os protagonistas e que extendeu as súas actividades a Santiago, A Coruña e Vigo”.

Cada ano o Via Stellae presenta unha novidade, e nesta cuarta edición naceu OFF Stellae, ciclo que baixo o subtítulo Unha alternativa: outras músicas, outras visións, outros espazos...” incluiu na súa primeira convocatoria catro concertos de moi diferentes contidos. Segundo Carou, “son estes os primeiros pasos dunha programación que pretende ofrecer diferentes opcións no xeito de achegarse á música, presentando novidades nos contidos dos concertos (rompendo barreiras entre xéneros e épocas musicais), promovendo o intercambio entre as diferentes manifestacións da arte (convertendo cada actuación nalgo máis ca un simple concerto) e renovando os espazos que acollen os concertos e espectáculos”.

Caoru califica “de rotundo éxito” a consolidación doutras innovadoras propostas como Música e Arte e os Concertos Express. Música e Arte propuxo tres tardes repletas de música (con varios concertos consecutivos) no mosteiro de Poio, en Allariz e en Santiago de Compostela que se complementaban con visitas guiadas aos monumentos. Os Concertos Express foron 16 sesións de breve duración, duns trinta minutos, en cinco fermosos claustros de Santiago de Compostela: Hostal dos Reis Católicos, Colexio de Fonseca, San Domingos de Bonaval, Colexiata de Sar e San Martiño Pinario. “Música e Arte e os Concertos Express arraigaron con forza entre o público galego e os turistas, a acollida foi inmellorable”, resume.

Gravacións

No balance non se pode esquecer as novas canles de colaboración con prestixiosas casas discográficas polas que algúns dos concertos deste cuarto Festival Via Stellae quedarán inmortalizados en disco compacto e que suporán un dos grandes argumentos de promoción do festival nos próximos años. Así, a francesa Zig-Zag-Territoires editará o compacto de Gli Incogniti e Amandine Beyer dedicado ás suites para violín do compositor italiano Nicola Matteis, a holandesa Brilliant publicará os concertos inéditos de Vivaldi recuperados por Enrico Casazza e La Magnifica Comunitá e a multinacional británica Naxos editará a integral do Manuscrito Guerra (manuscrito de tonos humanos conservado na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago) protagonizada polo grupo Ars Atlántica que dirixe o arpista compostelá Manuel Vilas.

Prensa especializada

A prensa especializada, a crítica e o público respaldaron a cuarta edición dun festival como o Via Stellae que, a pesar da súa xuventude, non deixa de crecer en reputación e xa ocupa un lugar de privilexio á cabeza dos festivais de música no estado español e mesmo entre a élite dos festivais europeos.

A prensa especializada recibiu con entusiastas loubanzas esta cuarta edición ratificou con cualificativos se cabe máis encomiosos o potencial dun festival que o ten todo para asentarse nos próximos anos como unha das principais citas musicais en Europa. Estes son algúns dos titulares publicados en referencia á cuarta edición de Via Stellae:

- “Logrou erixirse só nuns anos nunha referencia absoluta dentro dos festivais españois”.
- “Na súa aínda breve existencia, o Festival Via Stellae gañouse xa un lugar privilexiado como punto de encontro musical en Europa”.
- “Festival Via Stellae: Por todo o alto”.
- “É novo, pero irrrumpiu con ímpetu no panorama veraniego e só con catro edicións ás súas costas deslumbra pola cantidade e pola cualidade da súa programación”.
- “A forza do Via Stellae”.
- “A simple enumeración dos participantes produce escalofríos”.
- “Un dos sinaiis do Via Stellae é a categoría dos seus intérpretes”.
- “Cada ano que pasa parécenos mellor e máis acabado este festival, que comezou xa moi forte hai catro anos”.
- “Unha programación que é coma unha caixa de bombóns suizos na que custa decidirse polo máis apetitoso”.
- “Non debería sorprender a xugosa programación da cuarta edición do Festival Via Stellae, que augura moitas noites de excelencia musical garantizada”.
-“Un festival de música de primeira”.
- “En xullo todos os camiños da gran música levan a Compostela”.
- “Via Stellae, esplendor do Barroco”.
- “Poucos festivais no vello continente poden ofertar un abano tan nutrido e de tal calidade”.
- “Via Lactea de estrelas musicais”.
- “Todo un acerto de organización e dirección”.
- “Chega á súa cuarta edición cunha maioría de idade sorprendente e cun recoñecemento internacional xeralizado”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia