O Rei podería presidir os actos do 25 de xullo de 2010, con motivo do Ano Santo

A Súa Maxestade o Rei de España expresou a súa intención de presidir os actos conmemorativos do 25 de xullo con motivo da celebración do Ano Santo compostelán. Así llo transmitiu a Súa Maxestade ao máximo mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, tras visitar hoxe, por primeira vez desde a súa apertura no ano 2002, a residencia oficial de Monte Pío.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen quixo que a Súa Maxestade fose a primeira persoa nesta lexislatura en realizar unha visita oficial á súa residencia, tivo a oportunidade de explicarlle a situación do Xacobeo 2010, logo de que o monarca trasladase todo o seu apoio a esta iniciativa na primeira xuntanza que ambos mantiveron na Zarzuela o pasado 29 de abril.

Deste xeito, Alberto Núñez Feijóo falou á Súa Maxestade do Plan de actuación do Xacobeo 2010, aprobado a pasada semana no Consello da Xunta que recolle a programación de actividades para a celebración do Ano Santo. O máximo mandatario autonómico explicoulle ao monarca que a Xunta busca, con esta programación, tres obxectivos fundamentais: promover a comunidade autónoma e darlle unha dimensión internacional a Galicia; facer e tentar conseguir un revulsivo real á economía galega; e recuperar e conservar o patrimonio cultural, medioambiental e o patrimonio paisaxístico de Galicia.

[FOTO 2]Na mesma liña insistiu en que o Goberno que preside pretende que o 2010 sexa un Xacobeo austero, moderno, tecnolóxico e espiritual. “Queremos que este Xacobeo sexa único para Galicia e para cada un dos que se acheguen a Galicia e participen nel”, afirmou o presidente galego, explicándolle á Súa Maxestade que a programación cultural do vindeiro ano chegará a todos os puntos de Galicia para que todas as localidades poidan participar nesta apertura internacional que supón o Xacobeo. Destacou, ademais, a aposta polas novas tecnoloxías como ferramenta de promoción inédita para atraer visitantes e peregrinos e adiantoulle ao monarca que xa houbo contactos con Google para que este operador ofreza a posibilidade de percorrer virtualmente o Camiño de Santiago.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia