A iniciativa 'Camiño da reciclaxe' chega ó Camiño Inglés, e xa suma máis de 200 albergues colaboradores

A Xunta de Galicia leva á ruta inglesa a iniciativa Camiño da reciclaxe, que xa suma máis de 220 albergues participantes localizados ao longo dos distintos itinerarios do Camiño de Santiago.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron esta mañá a cuarta edición desta campaña de concienciación e sensibilización que ten por finalidade, impulsar a cultura da separación de residuos de envases lixeiros e papel-cartón para a súa reciclaxe, é dicir, fomentar o coidado da contorna, do medio natural e da biodiversidade.

Trátase dunha iniciativa que se leva a cabo nos meses nos que se concentra o maior número de peregrinos, de xuño a outubro, co fin de aproveitar o potencial que ofrecen os máis de 220 albergues participantes presentes nos distintos itinerarios do Camiño de Santiago.

A conselleira salientou que esta iniciativa foi obtendo mellores resultados cada ano, tal e como demostran os resultados de cada edición, polo que parte do éxito desta iniciativa responde á colaboración dos albergues, ao esforzo dos peregrinos e ao traballo de Ecoembes e o Goberno galego que achegan contedores de reciclaxe nos distintos establecementos de hospedaxe participantes. Destacou que froito deste traballo conxunto, no pasado ano recicláronse máis de 146 toneladas de envases, un 45% máis que en 2017, dos que máis de 40 toneladas procedían do contedor amarelo e máis de 105 toneladas do contedor azul.

Nese sentido, Ángeles Vázquez invitou a multiplicar as cifras rexistradas e a aproveitar o potencial e a forza que ofrece o Camiño de Santiago, así como o esforzo realizado polos máis de 325.000 peregrinos que en 2018 chegaron a Compostela a través deste itinerario cultural e que -en boa medida- axudan a manter o Camiño limpo e en perfecto estado de mantemento.

Por último, argumentou que hai moitos pequenos xestos ao alcance de todos que contribúen ao coidado do medio ambiente e á loita contra o cambio climático, como é a boa xestión dos residuos, un pequeno xesto que permite contribuír ao establecemento dunha economía circular, que esixe da implicación de toda a poboación para que poida saír adiante.

A campaña presentada hoxe alíñase no compromiso da Xunta de Galicia por garantir a sustentabilidade na ruta xacobea, ao abeiro do Plan Director do Camiño de Santiago. Trátase da folla de ruta do Goberno galego que vela pola conservación, mantemento e divulgación da ruta xacobea e que inclúe unha das súas liñas estratéxicas á sustentabilidade na peregrinación.
Camiño da Reciclaxe