Convocados os Premios Camiño de Santiago 2019 que distinguen o papel da sociedade e institucións no eido xacobeo

A Xunta de Galicia vén de convocar a nova edición dos Premios Camiño de Santiago 2019, como así se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), cos que se recoñece a traxectoria e compromiso no eido xacobeo de diversos colectivos tanto de ámbito nacional como internacional, incluíndo actuacións públicas e privadas destinadas a conservar e mellorar o Camiño de Santiago, pero tamén investigacións e traballos que incidan na súa divulgación.

Os premios convocados pola Consellería de Cultura e Turismo están distribuídos en catro categorías: a primeira distingue as actuacións realizadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas galegas polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago oficialmente declaradas.

A segunda categoría premia as actuacións realizadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago. Como novidade con respecto a anos anteriores, establécense aquí dúas modalidades: asociacións de ámbito nacional e asociacións de ámbito internacional. A terceira liña distingue as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa.

Finalmente, a cuarta recoñece as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativo, incluíndo por unha banda a modalidade de traballos de investigación desenvolvidos por universidades, centros de investigación ou similares e por outra banda a modalidade á que poderán optar os traballos de carácter educativo de centros de ensinanza de educación non universitaria da Comunidade galega.

A convocatoria realízase en réxime de concorrencia competitiva e para as categorías primeira e terceira establécense dous premios, un primeiro de 15.000 euros e un segundo de 5.000 euros. Na segunda categoría establécese un galardón de 10.000 euros para a modalidade de asociacións de ámbito nacional e outros 10.000 euros para a premiada como asociación de ámbito internacional. Na cuarta categoría, destinaranse 10.000 euros para a primeira modalidade e 5.000 euros para a segunda, que se corresponde cos traballos nos centros de ensinanza de educación non universitaria da Comunidade galega. Os interesados en concorrer a estes premios poden consultar as bases da convocatoria así como a documentación precisa a presentar e os prazos no DOG.
Premios Camiño de Santiago 2019