O que foi seleccionador de fútbol, Vicente del Bosque, recolle o título de Embaixador de Honra do Camiño

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que coa Súa Maxestade Felipe VI e con Vicente del Bosque se seguirán reforzando os valores e os sentimentos que conforman o Camiño de Santiago.

Durante o acto de entrega do título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago a Vicente del Bosque, Feijóo asegurou que o ex-seleccionador reúne todos os requisitos para ser un excelente embaixador. “Estamos a falar dunha persoa que se compromete coa sociedade, que o foi todo e que o fixo todo con absoluta discreción, independencia e cunha enorme honestidade” aseverou, subliñando que a Selección Española de fútbol nos presenta, tamén, valores moi concretos: “Ensínanos a gañar e a perder con nobreza e deportividade; recórdanos que un equipo unido é capaz de ser o mellor equipo do mundo e que hai moitas formas de unir a un país -e o Camiño de Santiago une tamén a España diversa-”.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego en funcións subliñou que os embaixadores de honra do Camiño non son representantes dun lugar, senón dos valores que o fixeron grande. Non en van, desde hai séculos as distintas rutas xacobeas gozan dunha extraordinaria vitalidade espiritual, cultural e social que permitiron convertelas nun símbolo de fraternidade e de unidade de Europa.

“Un embaixador de honra do Camiño é unha responsabilidade” abundou, incidindo en que no que vai de 2016 xa son preto de 260.000 os peregrinos que chegaron a Santiago.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia