Turismo de Galicia presenta no seminario da OMT en Cuba o Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Cuba as liñas de traballo do Goberno galego para a promoción e comercialización do Camiño de Santiago como o produto cultural e turístico máis importante de Galicia e o principal recurso captador de turismo internacional na nosa Comunidade.

A presentación tivo lugar nun encontro sobre promoción e comercialización de destinos turísticos con oferta cultural enmarcado no Seminario Internacional sobre Turismo e Cultura organizado pola Organización Mundial de Turismo (OMT) que se desenvolve en A Habana.

Durante a súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta destacou que o Camiño identifica e sitúa a marca Galicia no mundo e constitúe o motor de desenvolvemento cultural, turístico e socioeconómico máis importante para os máis de 100 municipios galegos que atravesa.

A directora explicou as diversas liñas de traballo que a Xunta de Galicia ten en marcha para a posta en valor da ampla oferta cultural en torno ao Camiño de Santiago.

Promoción da Ruta Xacobea

No eido da promoción, subliñou que, no ano 2015 o Camiño de Santiago estivo presente nun total de 22 feiras internacionais en 15 países diferentes e foi obxecto de proxectos expositivos itinerantes por todo o mundo –incluíndo destinos tan diferentes como Colombia, Paraguai, Palestina ou Bangladesh- dirixidos a turoperadores e ao público xeral.

Así mesmo, destacou a aposta de Turismo de Galicia pola celebración de fam trips e press trips xa que supoñen un gran valor publicitario que redunda na mellor comercialización do destino e na maior calidade da información sobre o mesmo. No marco destas accións, en 2015 visitaron Galicia para coñecer o Camiño periodistas e turoperadores de Canadá, Alemaña, Filipinas e China, entre outras nacionalidades.

En canto ao desenvolvemento das novas tecnoloxías ao servizo do Camiño, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia ao proxecto Smart Camiño, grazas ao cal a Ruta Xacobea dispón dunha páxina web específica, www.caminodesantiago.gal [nova venta] , con información de interese para o peregrino. Este programa tamén dispón dunha aplicación móbil de realidade aumentada na que se poden consultar todos os servizos dispoñibles ao longo do Camiño.

A directora tamén enxalzou a labor que realizan, para a promoción da Ruta Xacobea, as máis de 200 Asociacións de Amigos do Camiño, que reúnen a uns 80.000 asociados repartidos por todo o mundo. Así mesmo, destacou a importancia do boca a boca entre os peregrinos, que prescriben esta experiencia, e enumerou as películas e libros xurdidos en torno ao Camiño e que se converteron, nalgún caso, en éxito de vendas.

Comercialización do Camiño

No que se refire a comercialización, a directora de Turismo de Galicia explicou que o Camiño conta cunha ampla oferta complementaria. Por iso, á hora de comercializar este produto existen numerosas empresas e axencias especializadas na organización desta viaxe, que facilitan a contratación de servizos como aloxamento, restauración, transporte de mochilas e produtos turísticos adicionais.

Nava Castro tamén enxalzou a existencia da Rede Pública de Albergues, que pon á disposición do peregrino 68 establecementos na Comunidade galega, o que supón máis de 3.000 prazas con instalacións ben equipadas, incluso con rede wifi nun 84% dos casos.

Doutra banda, a responsable de Turismo da Xunta destacou a existencia de numerosos programas que combinan o Camiño con outros recursos turísticos explicando o gran atractivo de algúns deles como o Bono Iacobus, Galicia a todo tren ou Un descanso no Camiño.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia