As Comunidades Autónomas polas que pasa o Camiño exploran sinerxías para a promoción conxunta das Rutas Xacobeas e dos seus atractivos

Entre as accións conxuntas que as comunidades autónomas estudan poñer en marcha neste dobre Ano Santo, sobre todo de cara ao 2022, figuran as que teñen que ver coa sinalización das rutas e os protocolos de xestión, a posta en marcha de medidas para facer un Camiño máis accesible e máis sostible, o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e ferramentas informáticas e as actuacións turísticas destinadas a crear negocio e asentar poboación nos territorios máis despoboados. Como indicou o vicepresidente primeiro, “todos os Camiños acaban aquí, en Santiago, pero antes pasan por outros territorios e todos temos intereses comúns e vontade de coordinación”.

Alfonso Rueda animou aos conselleiros e representantes das demais comunidades autónomas do Camiño a programar eventos culturais e de promoción conxunta do Xacobeo, como algunhas que xa se puxeron en marcha con grande repercusión en toda España, como #EncendeOXacobeo ou #CamiñoDeEstrelas.

Cobertura en caso de contaxio

O vicepresidente primeiro falou da conveniencia de deseñar tamén protocolos de xestión conxunta en caso de pandemia e puxo o seguro coronavirus como exemplo de medida eficaz para xerar confianza entre os peregrinos, xa que se activa de xeito automático sempre e cando se dea algún positivo no Camiño -como ocorreu nos últimas días-, unha circunstancia que se encadra dentro da normalidade tendo en conta o incremento de casos que se está a dar en toda España. Ademais, a rede pública de albergues conta cun estrito protocolo de actuación en coordinación coas autoridades sanitarias para a atención dos peregrinos que resulten contaxiados.

O seguro coronavirus axuda a facerse cargo da estancia, manutención e gastos de medicamentos de calquera persoa que poida resultar contaxiada na súa viaxe a Galicia. O beneficiario non ten máis que demostrar que está aloxado nalgún establecemento hoteleiro ou nalgún albergue da comunidade.

Nos últimos días detectáronse oito positivos no Camiño Francés -sete en Palas de Rei e outro en Samos- que están sendo controlados por persoal médico. Trátase de casos normais dado o número cada vez máis elevado de peregrinos que chegan a Galicia, que esta semana acadará os 40.000 camiñantes no que vai de ano.
R.