Un Camiño de Santiago cada vez máis sostible

Algúns aspectos xa iniciados, e que se verán reforzados no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, son o uso eficiente da auga cun protocolo de potabilización das fontes ou a colocación de válvulas temporizadas en albergues públicos para a diminución do consumo, contemplados na liña dedicada ao Camiño Sostible, cun orzamento de máis de 66M€ ata 2027.

Hospitalidade

Desde 2020, a Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia realiza unha enquisa anual para analizar a percepción dos galegos ante a actividade turística e os seus impactos. Segundo os resultados desta enquisa, entre o 86% e o 90% dos galegos valora de forma positiva ou moi positiva a presenza de turistas en Galicia. Son datos que apenas varían desde 2021 e que son maiores nos segmentos vinculados co turismo, aínda que tamén son moi positivos no resto da poboación.

Por iso, todos estes proxectos de sostibilidade presentes e futuros teñen entre os seus obxectivos o de manter os niveis de aceptación dos galegos ante a actividade turística. Mostra da eficacia do traballo realizado é que neste ano 2023 a valoración é dun 8,2 entre os que teñen unha relación directa ou indirecta co turismo e dun 7,6 o resto da poboación.

Para manter e mellorar estes niveis de aceptación, cómpre seguir avanzando nun modelo turístico ordenado e sustentable, que permita repartir territorialmente os beneficios que achega o turismo.



A enquisa

Esta enquisa naceu no ano 2020, dirixida aos residentes na comunidade, para analizar as intencións de viaxes dos galegos no contexto da pandemia, e tamén para coñecer a percepción e valoración respecto da actividade turística e os seus impactos. Nos seguintes anos, aproveitando a recuperación do turismo, a enquisa vaise focalizando na percepción do turismo.
R.