O 'Códice Calixtino' e o 'Cancioneiro da Vaticana' serán exhibidos este ano por vez primeira en Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, pechou hoxe un acordo en Roma coa Biblioteca Apostólica Vaticana para exhibir por vez primeira en Galicia dúas pezas de alto valor simbólico para a cultura galega: o Liber Sancti Iacobi, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, ademais do orixinal de Santiago, que se conservan no mundo, e o Cancioneiro da Vaticana, peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa. O conselleiro visitou esta institución acompañado polo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, monseñor José Rodríguez Carballo, e o arquivista e bibliotecario da Biblioteca Apostólica Vaticana, monseñor José Tolentino de Mendonça.

As obras formarán parte de Galicia, un relato no mundo, a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21, que se inaugurará o próximo novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo adiantou que este novo proxecto, que se dará a coñecer proximamente, suporá reunir nunha exposición pezas esenciais da cultura galega, entre as que se atopan obras que viaxarán por primeira vez a Galicia grazas aos acordos de colaboración que se están a xestionar con prestixiosas institucións de Europa e América.

“Se o Pergamiño Vindel ou A derradeira leición do mestre foron dous grandes logros, esta nova exposición suporá un fito cultural moi notable”, asegurou o conselleiro, avanzando que, tras a confirmación de que o Códice Calixtino e o Cancioneiro da Vaticana viaxarán por primeira vez a Galicia, nas próximas semanas daranse a coñecer novas obras de excepcional relevancia que se sumarán a esta mostra. “Xuntas conformarán unha das maiores exposicións internacionais en termos de recuperación de pezas clave da nosa identidade cultural espalladas en diferentes lugar do mundo”, engadiu.

O Liber Sancti Iacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelano, como é o propio rostro do emperador Carlomagno.

Na Idade Media, realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente. O propio Liber Sancti Iacobi foi escrito coa vocación de conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno, a figura máis prestixiosa da Europa medieval, e a súa chegada a Compostela.

Lírica galaico-portuguesa

O Cancioneiro da Vaticana é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego portuguesa medieval. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para Galicia, pero tamén central na tradición literaria de Europa, xa que a lírica galego portuguesa, xunto coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente.

Trátase dunha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.

Reunión coa embaixadora no Vaticano

Como parte da axenda institucional iniciada onte, o conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse tamén coa embaixadora de España no Vaticano, Carmen de la Peña, co obxectivo de seguir tecendo relacións internacionais no marco do Xacobeo 21. Durante a viaxe, Román Rodríguez mantivo diversos encontros de traballo co embaixador de España en Italia, Alfonso Dastis; co director do Instituto Cervantes na capital italiana, Juan Carlos Reche, e co conselleiro de Turismo español, Jorge Rafael Rubio.
R.