Inaugurada en Portomarín a mostra itinerante que conmemora os 25 anos do Camiño Francés como Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no concello lucense de Portomarín a exposición itinerante que conmemora o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A mostra fotográfica realiza unha retrospectiva sobre este fito que, no contexto do Xacobeo 93, marcou un antes e un despois na peregrinación a Compostela.

Como salientou, ao longo deste cuarto de século o Camiño Francés avanzou de maneira notable en todos os aspectos relativos á súa xestión e posta en valor, tanto desde un punto de vista cultural e patrimonial como desde a perspectiva turística e de desenvolvemento económico. Neste sentido, agradeceu aos alcaldes e veciños a súa contribución na atención aos peregrinos e animou a perseverar na busca da mellora e a excelencia permanente.

“Ninguén dubida que o recoñecemento da Unesco, no marco do Xacobeo 93, tróuxonos ata aquí”, afirmou Román Rodríguez. Así, destacou que a declaración motivou a recuperación dos valores do Camiño de Santiago, avivou a conciencia sobre o seu legado e propiciou a súa revitalización, coa preservación e rehabilitación do patrimonio vencellado á ruta.

Antes da apertura da exposición, o conselleiro reuniuse cos membros da Mancomunidade dos Concellos Galegos do Camiño Francés como parte da rolda de encontros que vén mantendo cos distintos axentes implicados na Ruta Xacobea tras a creación da nova Consellería de Cultura e Turismo. Nesta xuntanza, Román Rodríguez puxo en valor a intensa colaboración mantida entre a Xunta e este conxunto de municipios nos últimos anos, no marco do Plan Director do Camiño de Santiago, á que se referiu como “a base deste éxito colectivo”.
Mantemento e albergues

Ademais, avanzou que en 2019 o Goberno galego daralle continuidade aos acordos en marcha e mesmo ampliaranse os proxectos de actuación no horizonte do Xacobeo 21. A maiores dos distintos convenios, sumarase un novo contrato de mantemento e outras melloras na rede pública de albergues, cunha aposta tanto pola sustentabilidade como pola accesibilidade.

Román Rodríguez lembrou que o Camiño Francés, con seis de cada dez peregrinos, é a ruta máis percorrida. Dos máis de 327.000 peregrinos de 180 nacionalidades que recolleron este ano a súa Compostela, o 57% elixiu esta vía. “Isto é unha riqueza cultural que no medio rural non está ao alcance de moitos lugares”, celebrou o titular de Cultura e Turismo da Xunta.

Neste contexto, e coa vista na organización do Xacobeo 21, Román Rodríguez animou aos concellos da ruta a implicarse na planificación desta cita. “A nosa aspiración –sinalou– é que o vindeiro Ano Santo non sexa unha celebración que se circunscriba só a Santiago de Compostela, senón que teña repercusión en toda a nosa Comunidade”.

Coa mirada posta no futuro, o encontro de hoxe supuxo unha ollada ao pasado, coa homenaxe brindada polo Concello de Portomarín a Víctor Vázquez Portomeñe, que descubriu unha placa nun novo monumento na localidade. Trátase, como indicou o conselleiro, dun “xusto recoñecemento ao ‘pai’ do primeiro Xacobeo moderno por unha vida dedicada a Galicia e ao Camiño”, que impulsou “un proxecto de dimensión global que levou e leva o nome da nosa Comunidade por todo o mundo” e que segue a estar presente nesta construción.
R.