O Camiño Portugués da Costa multiplica por cinco a súa cifra de peregrinos desde o seu recoñecemento oficial hai dous anos

Concretamente, pasou de 1.474 persoas en 2015 ás preto de 8.000 que o realizaron xa neste 2018. Dáse así a circunstancia de que en só oito meses se teña xa superado o volume de todo o ano 2017, o que amosa, como sinalou a responsable de Turismo do Goberno galego, a vitalidade desta ruta xacobea e o interese que esperta nos camiñantes que peregrinan desde o sur da Comunidade. Na actualidade, é o sexto itinerario máis percorrido e concentra o 3,7% dos camiñantes, fronte ao 0,56% de hai tres anos.

Esta evolución está a ser acompañada polo Plan director do Camiño de Santiago, que lidera a Xunta e que en 2018 centra os seus investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, seguindo o calendario previsto para as diferentes rutas que contan co recoñecemento oficial co obxectivo é que estean nun estado óptimo no Xacobeo 2021.

Entre as medidas do Plan director inclúese o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa ou o futuro albergue de Vigo e actividades divulgativas e culturais como a exposición De mar a mar, actualmente na cidade lusa de Coimbra, e o programa de artes escénicas Vive o Camiño, que nos vindeiros días ten programadas paradas en Redondela (hoxe, 21 de agosto), Soutomaior (mércores 22), Vilaboa (xoves 23), Pontevedra (luns 27), Barro (martes 28), Caldas de Reis (mércores 29) ou Tui (xoves 30), entre outros.

Cooperación con Portugal

Así mesmo, a Xunta traballa na xestión do Camiño de Santiago a través de iniciativas como o proxecto europeo Fazer Caminho, que aspira a consolidalo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como un recurso cultural e natural transfronteirizo capaz de xerar actividades que contribúan ao seu desenvolvemento.
R.