Compostela
A terceira das cidades santas da Cristiandade é Santiago de Compostela. Sequera cronoloxicamente, a primeira é Xerusalén, por directa vinculación co Salvador. A segunda, Roma, punto final de todos os camiños. E a terceira, Santiago.
Santiago debe o seu nome ó fillo do Zebedeo, ó apóstolo que a piadosa tradición quere que despois de morto os seus discípulos trouxeran o corpo á fin do mundo coñecida, nunha barca de pedra. E desembarcado en terreos da Reina Lupa, foi levado por poderosos bois do país ata o lugar onde estes decidiron deterse e alí morar para sempre o corpo do Patrón de España e de Galicia.
Pasan os séculos e ten que ser un ermitán – Pelagio – quen descubra misteriosas luces que na noite aparecen sobre un apartado lugar... É o sepulcro de Santiago, chamado a ser punto de atención de todo o mundo coñecido en aquel escuro medievo.
E vén o Rei desde Oviedo trazando o primeiro dos camiños a Compostela, o Camiño Primitivo, que pasa pola antiga Lucus Augusti da monumental muralla. E comezan as peregrinacións chamadas a durar miles de anos. Van xa máis de mil e cada vez é maior a afluencia de peregrinos.
Ó redor do sepulcro, unha pequena igrexa, que logo será catedral, que medrará física e espiritualmente a medida que a Compostela que a alberga pasa de burgo a poboa, de cidade a capital, con Universidade e Arcebispado, e sendo Capital espiritual de Occidente, é na actualidade tamén capital política e administrativa de Galicia, e faro que ilumina ós millóns de peregrinos que de toda a vella Europa buscan as raíces máis fondas da fe católica na península Ibérica.
Chámese Compostela pola súa perfección e beleza (do latín “compositum”) ou veña do Campus Stellae (Campo de estrelas) onde apareceu o sepulcro de Santiago, o certo é que Santiago é a gran cidade de Galicia porque así o quixo a fe e os peregrinos que elixiron como meta a cidade que estaba ó final do gran camiño que no ceo está marcado como “vía láctea” desde o comezo dos tempos.
¡Benvidos a Compostela, a cidade do Apóstolo, o final de todos os Camiños de Santiago!
J.G.R.