8: Grandas de Salime - Fonsagrada

O noso camiñar por terras asturianas remata con esta etapa, e comeza o Camiño galego. Son 36 km de Grandas de Salime a Fonsagrada, que poñerán a proba as forzas do camiñante.
Bustelo del Camino é a última localidade de Asturias.
A Galicia éntrase polo Porto do Acebo (1.030 metros de altitude e a 170 km de Compostela).
Fonfría (Fonte Fría) é a primeira localidade galega.

En Castro, Chao de San Martín, castro no que se está investigando e vai contar cun centro de interpretación da cultura castrexa.
En Padraira houbo unha leprosería fundada a finais do século XVI.
Desde aquí, Xestoselo, Peñafonte e a última localidade asturiana: Bustelo del Camino.

EN GALICIA

A entrada en Galicia faise polo difícil Porto de O Acebo, a 1.030 metros de altitude. Desde os inicios de Galicia ata Compostela quedan 144 km. Aquí comezan o seu camiñar os peregrinos que só fan o tramo galego.
En terras lucenses, fortísimas pegadas e lembranzas deixan patente que houbo Camiño a Compostela.

Fonfria-camino-santiago

A primeira localidade de Galicia é Fonfría, fonte de auga fría, nome que tamén existe no Camiño Francés nas terras de Lugo. Aquí houbo un hospital de peregrinos da Encomenda de San Xoán de Portomarín. Tiña casa con oratorio, apousentos e enfermería… Sábese dela desde comezos do século XVII, e aínda a comezos do século XX estaba en funcionamento.
Lembranza daquel Hospital é a cruz de Malta que se conserva na igrexa, sobre a pía bautismal.
Pasamos as capelas de San Cosme de Barbeitos e Santa Bárbara do Camiño, e atopamos Paradanova coa capela de Santa Cruz, onde o Camiño se bifurca.
Un ramal lévanos a Fonsagrada, onde hai probas do paso dos peregrinos desde finais do século XII.

A FONSAGRADA

Na actualidade, A Fonsagrada é a cabeza do concello máis extenso de Galicia, onde está a Fons Sacrata da que a vila tomou o seu nome. Quere a lenda que o Apóstolo Santiago estivese nesta vila e fose atendido por unha probe viúva. Doído da súa pobreza, o apóstolo convertiu a auga desta fonte en leite, para alimento da viúva e dos seus fillos. A historia identifica este nome coa estación romana “Fontem Albei”, dentro do itinerario do século IV desde Asturias a Lucus Augusti.

Fonsagrada

Cóidase que a fonte sacra, logo cristianizada, orixinou o albergue de peregrinos e a primeira igrexa do pobo.
Hoxe, A Fonsagrada é a capital dunha ampla comarca, ofrecendo no seu Museo unha fonda ollada á etnografía das montañas do leste lucense.

 

fonsagrada

Moi preto de A Fonsagrada, San Xoán de Padrón, con igrexa do XVIII; e Montouto, onde de novo o camiño é un só.