1: O Cebreiro - Triacastela

O Cebreiro            

Por aquí entrábase en Galicia, desde o reino de Léon. O peregrino podía optar por seguir cara a Lugo e retoma-lo Camiño en Palas de Rei... Pero o verdadeiro Camiño subía a máis abrupta das montañas parar chegar ó Santuario de O Cebreiro, a 1.300 metros de altitude, onde estaba o mosteiro fundado no século IX e que os monxes de San Giraldo de Aurillac rexentaron durante 400 anos.

CebreiroCebreiro
    
En O CEBREIRO consérvanse as vivendas de orixe prerromana, denominadas Pallozas. En dúas delas instalouse o Museo Etnográfico da comarca, así como a hospedería, hoxe coma onte para atender ó peregrino.

 

O Cebreiro

Aquí quere a tradición que se obrara o gran milagre eucartístico que as crónicas sitúan no ano mil trescentos. O viño fíxose sangue e o pan fíxose carne nas mans dun crego incrédulo que desprezou o sacrificio dun campesiño que acudía a oír misa en medio dunha gran tempestade.
   
Os Reis católicos, peregrinos a Compostela, ó seu paso por O Cebreiro en 1486, prostrados ante o Milagre, doaron as ampolas nas que hoxe se conservan carne e sangue... Ó Cáliz, do Milagre, románico, do século XII, coñéceselle como o Santo Graal Galego e crese que nel atopou Wagner a inspiración para o seu Parsifal. De aquí arranca tamén, segundo se cre, a devoción ó Santísimo na capital lucense, coa súa exposición continua e a inclusión do cáliz nos escudos de Lugo e Galicia.

O templo, xoia do prerrománico, alberga a talla románica de Santa María la Real do Cebreiro, patroa da comarca. A tradición quere que a imaxe inclinara a cabeza, no momento do Milagre, para contemplalo mellor.

                                       Caliz            Caliz Cebreiro

Os días 8 e 9 de setembro, celébrase aquí solemne romaría a Santa María e Santo Milagre, desde tempo inmemorial.    

E a festa popular cobra todo o seu esplendor ó final do verán montañés, como os rigores invernais atopan a súa máis crúa expresión nesta terra combatida por tódolos aires, o máis difícil paso do Camiño de Santiago.

                                    Virgen           Romería

 

Hospital

Seguimos pola estrada de alta montaña, que substitúe ou complementa o vello camiño: HOSPITAL DA CONDESA, tivo un hospital a finais do século IX, fundado pola condesa dona Egilo e templo tamén dependente de O Cebreiro.

Condesa

Liñares

Xa a comezos do século VIII, se fala de Linar de Rege, o actual LIÑARES, en tempos filial de O Cebreiro e lugar para as plantacións de liño para hospital e mosteiro.

 

Linares

Porto do Poio

No PORTO DO POIO comeza o descenso, en medio dunha fermosísima paraxe montañesa que enmarca a conca do río Navia.

Fonfría do camiño debe o seu nome á fría fonte do lugar que calmaría a sede de innumerables peregrinos. Do século XVI ó XIX houbo aquí un hospital de peregrinos dedicado a Santa Catalina, no que o peregrino recibía lume, auga, sal e unha cama con dúas mantas.

Monte Poio

Biduedo

Pasamos BIDUEDO (con ermida que foi da Encomenda de San Juan de Xerusalén), Filloval, As Pasantes... Ramil (que xa se menciona nun documento do século IX) e chegamos a Triacastela, final de etapa no Códice Calixtino.

Biduedo

Triacastela

Nas proximidades de TRIACASTELA (tres castelos, tres castros ou mellor Tira cara a Castela) o Conde Gatón fundou no século IX un mosteiro que logo Ordoño II doou á igrexa de Compostela... Aquí guerrearon dona Urraca e Alfonso o Batallador... Aquí quixo erixir Alfonso IX a gran cidade de Triacastela Nova. O seu alcalde era de designación real.

Conserva hoxe Triacastela o edificio do vello hospital de peregrinos e o templo parroquial con ábsida románica. Modernamente ergueuse nesta vila un monumento ó peregrino do Camiño de Santiago, con pedra calcaria como a que os peregrinos levaban nos seus zurróns para colaborar nas obras da catedral compostelá.

                                  triacas_hospi         triacas_monu