MelideXa en terras coruñesas de Melide, entramos no Campus Leporarius do Calixtino (Campo de Lebres), hoxe chamado Leboreiro. Existe aquí unha igrexa románica dedicada a Santa María e consérvase o edificio do antigo Hospital de Peregrinos, con brasón dos Ulloa, os seus fundadores, a modesta Ponte de Disicabo, dun só arco, permítenos cruza-lo Río Seco... Moito máis maxestosa é a ponte medieval sobre o río Furelos, moi preto xa de Melide.
MELIDE é a capital dunha ampla e próspera comarca. A ela acudía o Cabido de Santiago a recibir ós novos arcebispos. Nesta cidade existiu o Mosteiro de Santic Spiritus, fundado no século XIV. A actual igrexa parroquial é un resto, reformado, daquel mosteiro, que tivo un importante e peculiar hospital anexo, onde se atendía ó peregrino con fogo e camas e albergue e esmola e caridade. En Melide uníanse o Camiño Francés e o que viña pola costa cantábrica -Vascongadas, Santander, Asturias- e entraba en Galicicia por Ribadeo.
Á entrada de Melide atopamos a Igrexa de San Pedro, que conserva a súa primitiva fachada románica e un fermosísimo cruceiro.
Onde hoxe está a Capela do Carme do Castelo e o cemiterio houbo en tempos un castelo e anteriormente un castro.
Nas aforas da poboación a tamén románica Igrexa de Santa María, do século XII, xunto á que existe outro notable cruceiro, desde Melide pasamos por Boente, con templo parroquial dedicado a Santiago... para chegar a Castañeda. Aquí, en Castañeda, estaban os fornos de cal para as obras da catedral compostelá, para os que os peregrinos traían pedras calcarias desde Pedrafita e Triacastela. |
|||