2: Grado - Salas

Saímos de Villapañada para percorrer esta etapa de 21,4 kilómetros e remata na fermosa vila de Salas, declarada Conjunto Históirico no 1994 .

PUEBLA DE CORNELLANA

Hai que coroar o cordal de Cabruñana e chegar ó Santuario da Virgen del Fresno, de gran devoción popular. Quedaba moi preto en tempos un lazareto, baixo a advocación do Santo Lázaro.
Tamén aquí, na Guerra da Independencia, deuse importante batalla polo control da vila na que confluían o Camiño Primitivo a Compostela e un ramal da Vía de la Mesa, que unía Asturias con León Pasamos por Los Morrones, San Marcelo e Dóriga (cunha fermosa igrexa con portada románica do século XII) e chegamos á Puebla de Cornellana.

 

Cornellana

O seu Mosteiro de San Salvador foi fundado en 1024 pola infanta Dona Cristina, filla de Bermudo II de León, e cedido en 1122 polo conde Suero Bermúdez, bisneto da fundadora, ós Benedictinos de Cluny, sendo o único mosteiro cluniacense das terras asturianas.
Consérvase a súa igrexa, románica, de finais do século XII, con fachada do XVII. O mosteiro e o claustro son de comezos do XVIII, conservándose unha portada románica e outra gótica.
De Cornellana a Salas pasamos por Sobrerriba, Llamas, Quintana, sempre preto do río Nonaya… En Casazorrina, vemos a igrexa de Santa Ana, con tallas románicas no seu interior. Despois de Mallecín, chegamos a Salas.

SALAS

Foi tamén Afonso X, o Rei Sabio, o que fundou a vila de Salas, e cóidase que ocorreu cara a 1270.

Xa en 1120 a Raíña Urraca doou ó conde Suero Bermúdez un castelo neste lugar, arredor do que iría nacendo o burgo que se veu engrandecido por formar parte da ruta a Compostela. Lembranza daquel vello castelo é a torre do palacio de Valdés-Salas, que se ergue airosa no medio da vila, proclamando ser o berce de Don Fernando Valdés-Salas, fundador da Universidade de Oviedo, inquisidor xeral e arcebispo de Sevilla.

 

Salas

O Pazo é do século XVI. Na torre, do século XIV, gárdanse elementos prerrománicos epigráficos e ornamentais procedentes da antiga igrexa de San Martín, do século IX.
En Salas hai que visitar a Colexiata de Santa María a Maior, de mediados do século XVI, de nave cadrada e cabeceira pentagonal, que no seu interior garda o mausoleo en alabastro de D. Fernando de Valdés-Salas.
Houbo tamén aquí en tempos un hospital para os peregrinos, se ben na actualidade só se conserva del a capela de San Roque, do século XVII.
Salas ten sido declarado Conxunto Histórico-Artístico, e merece unha detida visita.