Convenio entre o Xacobeo e a asociación italiana I Cammini di Francesco, en Rieti

Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, asinou un convenio de colaboración coa asociación I Cammini di Francesco orientado á investigación sobre as figuras de San Francisco de Asís e o Apóstolo Santiago, ademais de sobre a cultura xacobea. O acto de sinatura tivo lugar na cidade italiana de Rieti e nel participaron o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e o presidente da asociación promotora do novo Itinerario Cultural Europeo –o Camiño de Francisco-, Giorgio Piccirillo.

Sobre a base deste acordo, o Xacobeo ofrecerá asesoramento ao colectivo italiano no proceso de desenvolvemento deste novo Itinerario Cultural Europeo que posúe altos valores históricos e espirituais. O convenio promove, ademais, o estudo e investigación sobre as relacións de San Francisco con Santiago de Compostela e co fenómeno xacobeo.

A asociación I Cammini di Francesco traballa no recoñecemento europeo do Camiño dedicado ao Santo Poverello. No acto de sinatura estiveron presentes tamén o secretario da asociación Frabrizio Nevola, o técnico do Xacobeo, Francisco Singul, e o asesor cultural do Comune di Rieti que acolleu a iniciativa, Diego di Paolo.

Inauguración da mostra fotográfica sobre o Camiño de San Francisco a Santiago

A cidade italiana de Rieti acolle a mostra fotográfica Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago, con fotografías de Manuel Valcárcel que se instalaron nunha trintena de escaparates dos principais establecementos da rúa comercial da cidade, Via Roma. Os visitantes percorren esta mostra na cidade desde a que, segundo a tradición, San Francisco iniciou a súa peregrinación, concretamente o territorio de Poggio Bustone, que hoxe acolle un santuario dedicado ao Apóstolo Santiago.

No acto inaugural da mostra participou o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, o presidente da rexión do Lazio, Nicola Zingaretti, a asesora rexional de Cultura, Lidia Ravera, o alcalde de Rieti, Simone Petragelli e o asesor cultural do municipio de Rieti, Diego di Paolo, entre outras autoridades rexionais e locais.

A mostra enmárcase nas actividades culturais que, en virtude do convenio asinado o ano pasado, desenvolve a Xunta de Galicia e o municipio de Rieti no marco da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A vinculación de Rieti con Santo de Asís ten que ver con que na zona de Greccio realizou este santo o primeiro nacemento do Nadal, en Santo Colombo redactou a primeira regra franciscana e desde Poggio Bustone partiu a súa peregrinación.

En virtude do dito acordo, Turismo de Galicia e o Comune di Rieti colaboraron na organización en Santiago de Compostela das mostras San Francisco e o Belén e Il Cammino di Francesco. Fotografías de Steve McCurry.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia