Luis Gabú presenta a mostra Arte e Ritual na Catedral de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou no Museo das Peregrinacións e de Santiago na apertura da exposición ‘Arte e ritual na Catedral de Santiago’, do fotógrafo e artista plástico coruñés Luis López ‘Gabú’. Na súa intervención, o conselleiro felicitou ao artista “por ese don natural, tan intensamente traballado, que ten para captar a esencia do ser humano, nas súas expresións máis elevadas nos espazos das rutas xacobeas e da propia Catedral de Santiago”.

A mostra, composta por trinta e nove suxestivas imaxes, estará aberta ao público ata o próximo 6 de xuño na sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. A inauguración contou cunha ampla concorrencia, tanto de público xeral como de persoas pertencentes ao eido cultural e representantes institucionais. O conselleiro estivo acompañado neste acto pola xerente do Consorcio de Santiago, María Antón, e polo propio artista, Luis Gabú.

Arte e ritual na Catedral de Santiago

A exposición –dividida en dúas seccións: a homónima ‘Arte e ritual na Catedral de Santiago’ e ‘O Camiño’–, componse dunha escolma de trinta e nove fotografías nas que se ofrecen algúns dos aspectos esenciais, estéticos e rituais, do Templo compostelán; así como unha perspectiva anovadora e persoal, tinxida de poesía e espiritualidade, sobre o fenómeno Xacobeo e as peregrinacións a Santiago. En palabras de Vázquez Abad, estas instantáneas ofrecen “a percepción dun fotógrafo que logra explorar recantos velados e accesibles só para quen une no seu oficio a técnica e a espiritualidade”.

As imaxes, resultado da experiencia e das investigacións levadas a cabo polo artista, foron captadas durante 2010 e reflicten con precisión e intensidade os instantes vividos, configurados pola presenza dos peregrinos na súa viaxe ou inmersos na relixiosidade envolvente dos rituais no espazo catedralicio. Neste eido, o titular de Cultura e Educación salientou que cada muller e cada home que chegan ante esta Catedral “descobren a intensa vitalidade e a harmonía dese discurso pétreo que se modula dun xeito distinto en cada ocasión, e que incorpora en silencio os instantes máxicos da súa descuberta”.

Segundo Vázquez Abad, o Museo das Peregrinacións ofrécenos durante uns meses a posibilidade de redescubrir a través da obra de Luis ‘Gabú’ a Catedral de Santiago. Máis adiante, a mostra viaxará ata Toquio, da man do Instituto Cervantes, “na procura dun irmandamento entre pobos cara ao que avanzamos”, engadiu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia