O programa ‘Música no Camiño’ amenizará con actuacións musicais as tardes estivais no camiño francés

As actuacións promocionaranse tamén na páxina web da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

As actividades musicais que se desenvolvan teñen que contar cunha duración mínima de trinta minutos e celebraranse catro ou cinco días á semana, preferentemente os días de maior afluencia de peregrinos.

En virtude do convenio subscrito, poderán incluírse na programación actuacións musicais de calquera modalidade a elección do concello, e tamén poderán ser intercambiadas entre os concellos participantes. A programación estará estruturada nun único período que abrangue dende o 12 de agosto ata o día 15 de setembro.

Ademais deste convenio, este ano asinouse outro para a revalorización do Camiño Francés e a prestación de atención aos peregrinos, co fin de dar resposta á solicitude de colaboración dos concellos na tarefa de atención aos peregrinos no período estival. O obxecto deste convenio é definir os termos de colaboración para ofrecer información continuada e específica de todo o Camiño Francés aos camiñantes.

A estes convenios hai que engadir outro cos concellos que conforman a Mancomunidade do Camiño Francés para realizar tarefas de roce da maleza, limpeza de residuos e protección do Camiño, en definitiva todo o relativo ao mantemento do trazado polo que discorre.

Cifra de peregrinos

O Camiño Francés é a ruta máis transitada no período estival. No que vai de ano xa percorreron esta ruta un total de 92.784, dos cales 47.042 son estranxeiros. En total, percorreron esta ruta un 11,77% máis de peregrinos que o ano pasado por estas mesmas datas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia