Turismo de Galicia participa na feira de construcción relixiosa e arte sacro de Polonia

Turismo de Galicia, a través do Xacobeo, participa ata o mércores, 19 de xuño, na décimo cuarta edición da feira da construción relixiosa e arte sacro SacroExpo que terá lugar no recinto feiral da cidade polaca de Kielce.

O Xacobeo acudirá a este evento por sétima vez consecutiva xa que está considerado o máis importante de Europa no seu xénero. Ten carácter anual e está dirixida a profesionais e público en xeral. Na pasada edición rexistrou máis de sesenta mil visitantes e concorreron 300 expositores de 15 países diferentes. Na edición 2012 participaron por primeira vez firmas de Romanía e Estados Unidos.

Turismo de Galicia entregará material promocional dos Camiños de Santiago nesta feira que inclúe información sobre construción de igrexas, instalacións, amoblamento e arte relixioso. Entre as especialidades que acolle están a renovación e restauración de vellas igrexas e a construción e equipamento de novas, a arte sacra en xeral, os servizos pastorais, os medios de comunicación relixiosos, axencias de viaxes temáticas, peregrinacións e turismo relixioso ou evanxelización multimedia.

A feira contén tamén un amplo abano de actividades complementarias que se celebrarán no seu transcurso, tales como concertos de música relixiosa, conferencias e exposicións diversas.

En 2012, un total de 2.307 peregrinos procedentes de Polonia recolleron a súa Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia