CCamina, primeira empresa do proxecto coworking no Gaiás

A empresa CCamina presentouse en Santiago como un pioneiro proxecto cultural que comeza a súa traxectoria desde o espazo de coworking Emprende Cultura Gaiás, posto en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Cidade da Cultura. A nova firma, da que é directora e responsable a emprendedora compostelá Mariela Villar Romarís, achega unha innovadora visión sobre o Camiño de Santiago, mediante a súa utilización como escenario de viaxe de procesos de coaching e desenvolvemento persoal.

O Concello de Santiago, que colabora tamén coa iniciativa, acolleu o acto de presentación no que a propia Villar, coacher profesional, estivo acompañada pola tenente de alcalde Reyes Leis na explicación da filosofía, obxectivos, produtos e servizos que ofrece CCamina, todos eles enfocados á formación de actitudes de éxito para individuos e grupos.

CCamina emerxe sobre dous eixos: o desenvolvemento das persoas mediante a innovación na formación propia do coaching profesional; e a fortaleza do Camiño de Santiago como paradigma da busca da espiritualidade e da interioridade persoal ao longo dos séculos, dos países e das culturas. Os dous aspectos únense a través desta nova empresa para confluír na visión do Camiño como viaxe de crecemento persoal e auto-coñecemento por antonomasia.

Produtos en tenda on-line

Trátase de poñer en valor esta simbiose para obter, a través de CCamina, resultados reveladores e extraordinarios canto ao desenvolvemento do talento, da intelixencia emocional, do incremento do rendemento ou da mellora nas relacións para conseguir, a través do adestramento mental e emocional, acadar os obxectivos tanto vitais como empresariais.

Para a súa materialización, CCamina conta xa cunha páxina web, www.ccamina.com, cunha tenda on-line a través da que comercializa os dous produtos que ten neste momento dispoñibles: Mi CCAMINO, El Viaje de Tu Vida© e CCaminata©. Cada un deles correspóndese coas dúas modalidades xerais de coaching que se ofertan, segundo sexa dirixido a individuos ou colectivos sociais ou empresariais.

Co emprendemento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu o espazo Emprende Cultura Gaiás, no que profesionais das industrias culturais poden alugar un espazo onde desenvolver os seus proxectos empresariais. Esta iniciativa de emprendemento, prevista no Plan Gaiás, ten como obxectivo potenciar a produción dos eidos cultural e creativo en Galicia.

Para a xestión deste espazo, situado no Centro de Emprendemento Creativo de Galicia do Gaiás, a Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) asinaron un convenio que fixa as bases e convocatorias para a selección e seguemento de participantes.

A estas prazas poden optar profesionais das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet e todos aqueles que teñan vinculación co sector cultural. Admítense tanto profesionais independentes como emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia