Xacobeo e Begano colaboran na prantación de árbores autóctonas

O xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso e mais o director comercial de Bebidas Gaseosas do Noroeste, S.A., José Picado Carballeira ratificaron na sede da empresa na Coruña un acordo de colaboración a través do cal Begano se compromete á plantación de árbores autóctonas no Camiño Inglés ao seu paso polo Concello de Abegondo. O Xacobeo, pola súa parte, comprométese a xestionar os permisos de plantación, tanto coa administración local como cos propietarios dos terreos nos que se realizará a reforestación.

En virtude deste convenio, antes do 20 de decembro traballadores voluntarios da empresa procederán á plantación de castiñeiros, cerdeiras, acivros, ameixeiras e abeleiras, entre outras especies autóctonas, ao longo dun tramo do Camiño Inglés que percorre as parroquias de Limiñón, Meangos, Vilacoba, Folgoso e Sarandós do concello de Bergondo.

O obxecto destas plantacións é formar pantallas vexetais de xeito que proporcionen sombra aos peregrinos e contribúan á beleza e á posta en valor das rutas xacobeas.

Begano S.A. é unha empresa comprometida coa conservación do Medio Ambiente e por iso son numerosos os proxectos orientados a lograr a sostenibilidade como campañas de sensibilización para os mozos ou a propia implicación do persoal de Begano para realizar plantacións.

Unha das súas últimas iniciativas de Begano S.A. neste sentido foi a creación dunha botella edición limitada para o proxecto Galicia Color, como agradecemento dez anos despois aos voluntarios que colaboraron na limpeza das praias tras o afundimento do Prestige. Todo isto acompáñase dun uso eficiente dos recursos cunha reducción continuada dos mesmos no seu proceso produtivo.

Involucrar ás empresas na conservación das Rutas Xacobeas
Este convenio insírese dentro da estratexia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de involucrar a empresas privadas na divulgación, conservación e mantemento dos Camiños de Santiago. Para isto, ven celebrando dende marzo do pasado ano 2011 conversas coas empresas que patrocinaron o Xacobeo 2010. Unha intervención semellante á que se realizará coa colaboración de Begano xa se executou o pasado mes de febreiro nos Camiños Francés e Portugués, coa colaboración da empresa Repsol.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia