A diversidade lingüística e cultural do Camiño, a estudo

A diversidade lingüística e cultural do Camiño de Santiago protagoniza un congreso na capital galega que congrega numerosos expertos na materia de diversos puntos de Europa.

As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: Presente e Futuro é o título da iniciativa, que foi inaugurada esta tarde polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; e polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, no Museo Pedagóxico de Galicia. No acto tamén participaron o director do Euskarabidea (Instituto Navarro do Éuscaro), Maximino Gómez, e o director de proxectos culturais da Axencia Executiva do ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural da Unión Europea, Eugenio Delfino.

A contribución de Galicia á diversidade europea

Durante o acto, Xesús Vázquez presentou os idiomas “como o instrumento de maior alcance para a preservación e o desenvolvemento da herdanza cultural”. Por iso asegurou que toda iniciativa que promova a súa supervivencia e difusión favorecerá, xunto co pluralismo lingüístico, a riqueza da diversidade cultural. Segundo explicou, este é o horizonte cara a onde avanza este congreso. “E faino –dixo– a través dunha das principais vías europeas, o Camiño de Santiago”. “Galicia, como meta desa viaxe, quere contribuír nesta dirección poñendo en valor o seu idioma propio, o galego”, afirmou.

O conselleiro de Educación tamén recordou que máis da metade da poboación mundial é bilingüe, “o que facilita a aprendizaxe doutras linguas, mellora os procesos cognitivos e promove a tolerancia e o respecto entre culturas”. Finalmente, incidiu en que “está na nosa man fomentar e poñer en valor a diversidade cultural do continente europeo que nos caracteriza e enriquece, facendo especial fincapé na protección das linguas minoritarias”.

O Camiño, fonte inesgotable de enriquecemento cultural
Pola súa banda, Roberto Varela destacou que o Camiño de Santiago “tivo un grande influxo na consolidación do galego como vehículo literario e contribuíu decisivamente ao prestixio e espallamento da nosa lírica medieval”. O conselleiro fixo fincapé no feito de que “nas rutas xacobeas a variedade lingüística nunca exerceu de impedimento para a comunicación”, ao contrario, segundo asegurou, “sempre foi fonte inesgotable de enriquecemento cultural”.

O conselleiro subliñou, ademais, que “hoxe, oito séculos despois de que o trobador occitano Rimbaldo escribira os seus versos, o Camiño vive un novo momento de esplendor histórico”. Neste sentido, lembrou que na Baixa Idade Media o contacto coa pluralidade cultural das vías de peregrinación fomentou o intercambio e reforzou a nosa conciencia como pobo.

Sobre o momento actual, destacou que “estamos a comprobar que o paso do tempo non ten minguado esa fortaleza do Camiño como dinamizador cultural e símbolo da identidade e dos galegos”. Para rematar o seu discurso, Roberto Varela destacou que “ao longo da súa historia, foi testemuña privilexiada do nacemento de nación, idiomas, costumes e movementos artísticos”. Por último, lembrou as palabras de Álvaro Cunqueiro, que aseguraba que “o Camiño ten don de linguas, porque ten don de xentes e de cultura”.

Proxecto europeo

O congreso enmárcase no proxecto Camiño das culturas e das linguas, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a realizar no marco do programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea. Para desenvolver a iniciativa conta coa colaboración de diversas institicións de España e de Europa, entre as que se inclúen o Instituto Navarro do Éuscaro, a Oficina da Lingua Bretoa, a Universidade alemá de Kiel, o Eurocat e a Academia do Aragonés.

Presente e futuro do galego

O académico Xesús Alonso Montero foi o encargado de ofrecer a conferencia inaugural do congreso, na que abordou o presente e o futuro da lingua galega. Entre hoxe e mañá, haberá tamén diversas intervencións nas que se tratarán temas como a historia común das linguas e culturas de diferentes rexións polas que atravesa o Camiño, a diversidade cultural, o plirilingüismo e a promoción das linguas minoritarias desde as institucións.

Expertos en linguas minoritarias de diversos puntos de Europa danse cita neste congreso para expoñer e valorar a situación actual e os desafíos que afrontan linguas e culturas como a galega, a bretoa, a éuscara ou o occitana. Os diversos relatorios e mesas redondas que conforman o congreso poden seguirse en directo a través de internet desde o sitio web http://www.xunta.es/linguagalega/congreso_as_linguas_e_culturas_do_camino. Nel
tamén está accesible o programa completo do congreso, no que participan máis de 100 persoas.

Máis de 7.000 linguas

No mundo fálanse máis de 7.000 linguas, a maioría delas, en Asia e en África, que son os continentes con maior densidade lingüística do planeta. No caso de Europa fálanse máis de 200 idiomas e a maioría dos países deste continente posúen linguas rexionais ou minoritarias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia