A diversidad lingüística do Camiño de Santiago centra unha exposición no Mupega

A diversidade lingüística do Camiño de Santiago protagoniza unha exposición itinerante que pode visitarse ata o 24 de outubro na capital galega. Trátase da mostra Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago, que foi inaugurada polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).

Esta exposición, na que están representados, xunto co galego, o éuscaro, o bretón, o occitano, o frisio, o alemán e o aragonés, enmárcase no proxecto europeo Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago. A secretaría xeral lidera esta iniciativa, que busca promover a diversidade das linguas e das culturas europeas, particularmente das minoritarias, tendo como eixo vertebrador a lingua e a cultura galegas.

“Encher a mochila de culturas e linguas”

Durante a inauguración da exposición, o secretario xeral afirmou que “o peregrino que realiza o Camiño non o percorre de xeito impermeable, senón que ao longo do seu traxecto comparte, coñece, comunícase e, paseniñamente, vai enchendo a súa mochila de novas experiencias, culturas e linguas”. “Esta exposición itinerante –dixo– pretende achegarlle ao visitante esa amálgama diversa de cores que conforma o Camiño de Santiago, e faino dun xeito ameno, invitando a participar e a reflexionar sobre a diversidade lingüística e cultural”.

A riqueza do Camiño

A exposición, que conta cun portal web accesible en www.santiagolanguages.com, inclúe nove paneis con diferentes recursos que dan conta da diversidade lingüística e cultural europea dos territorios que atravesan os camiños de Santiago e que convidan o visitante a dialogar e a reflexionar sobre esta realidade. Tamén presenta dous monitores, mediante os que se pode acceder a diferentes fotografías en torno ás tradicións, ás paisaxes e á gastronomía, entre outros aspectos, de diferentes puntos do Camiño. Ao mesmo tempo, a mostra convida o visitante a probar o seu coñecemento sobre o Camiño de Santiago e a súa diversidade a través de diversos xogos.

O punto máis dinámico da exposición pono o panel interactivo, a través do cal os visitantes poden deixar os seus comentarios, intereses ou opinións. A mostra complétase cunha breve guía idiomática coa que o visitante poderá dar os seus primeiros pasos nos diferentes idiomas do proxecto, e un pequeno relato en torno ao Camiño, escrito polo autor navarro Toti Martínez de Lezea.

Itinerancia da exposición

A mostra Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago iniciou a súa itinerancia en Pamplona o pasado 16 de xullo e seguiu por Roncesvalles e Puente la Reina antes de chegar a Santiago, onde permanecerá ata o 24 de outubro. A última parada da exposición será en Kiel (Alemaña), desde o 22 de novembro ata o 22 de decembro.

Congreso sobre os retos das linguas minoritarias

O proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago pretende destacar a achega das linguas e das culturas do Camiño ao gran patrimonio común europeo, dirixindo a atención especialmente ás linguas e culturas minoritarias. Para logralo, xunto coa exposición, o proxecto tamén promove o congreso As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: Presente e Futuro, que terá lugar os días 21 e 22 de outubro na capital galega. Nel daranse cita expertos de diversas comunidades lingüísticas de Europa para reflexionar sobre os principais retos das linguas minoritarias e para analizar os actuais modelos de promoción da diversidade lingüística e cultural en Europa.

Tamén se levará a cabo no marco deste proxecto o establecemento dunha rede europea de axentes culturais, que coordine a difusión e coñecemento das culturas e das linguas europeas relacionadas co Camiño de Santiago.

Portal plurilingüe

Estas iniciativas teñen cabida no web do proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago, www.camino-eu.com, un portal plurilingüe sobre a historia cultural das diferentes rexións europeas ligadas ao Camiño de Santiago, que recompila textos, datos, documentos e imaxes sobre os idiomas e a peregrinación.

No proxecto, que conta co apoio da Comisión Europea a través do Programa Cultura 2007-2013, tamén están implicadas institucións gobernamentais, universitarias e académicas de Occitania, Bretaña, Alemaña, Navarra e Aragón, como son Euskarabidea, a Academia de l’Aragonés, Euroccat, a Oficina da Lingua Bretoa e a Universidade alemá de Kiel.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia